Freire toma posesión como alcalde de Noia co compromiso de “seguir traballando por un pobo do que todos nos sentimos orgullosos”

Freire toma posesión como alcalde de Noia co compromiso de “seguir traballando por un pobo do que todos nos sentimos orgullosos”
Freire toma posesión como alcalde de Noia co compromiso de “seguir traballando por un pobo do que todos nos sentimos orgullosos”

Ofrece colaboración aos grupos da oposición “para traballar conxuntamente en beneficio dos nosos veciños e da nosa vila”

Santiago Freire Abeijón (PP) tomou posesión onte como alcalde do Concello de Noia, despois de recibir o apoio dos 7 concelleiros do Partido Popular e dos 2 edís do NOIA. Unha elección que “supón unha enorme honra e representa un orgullo persoal e colectivo para os que imos asumir esta tarefa ao longo dos vindeiros tempos”, apuntou Freire Abeijón, que se converte no primeiro alcalde do Partido Popular que gobernará Noia dúas lexislaturas consecutivas.

Tras tomar posesión do seu cargo, Freire Abeijón salientou que a súa satisfacción polo apoio recibido “supón tamén unha enorme responsabilidade para tentar de servir adecuadamente aos veciños e veciñas de Noia”. Neste sentido, lembrou que Noia vén de celebrar o seu 850 aniversario, “unha vila da que nos sentimos orgullosos e polo que temos que seguir traballando, para que sexa ese pobo desexado por todos nós”.

Freire salientou que “son moitos os logros acadados ao longo do tempo” pero “somos conscientes de que queda moito por facer e con esa responsabilidade asumimos o reto de seguir facendo melloras ao longo dos vindeiros tempos”. Un punto no que tendeu a man á oposición: “brindo ás distintas agrupacións a posibilidade e a miña disposición para traballar conxuntamente en beneficio dos nosos veciños e da nosa vila”.

Freire Abeijón lembrou que “Noia atesoura un importante patrimonio paisaxístico, cultural, social, deportivo, comercial... polo que temos que velar. Un patrimonio que temos que protexer, mellorar e ampliar”.

Comentarios