Cruz Vermella imparte unha charla sobre prevención de roubos e estafas para maiores en Bertamiráns

Cruz Vermella imparte unha charla sobre prevención de roubos e estafas para maiores en Bertamiráns
Cruz Vermella imparte unha charla sobre prevención de roubos e estafas para maiores en Bertamiráns

Luís López ofrecerá información sobre este tipo de accións delitivas, así como unha serie de consellos para evitar que os maiores caian vítimas deste tipo de estafas

Este mércores, 19 de xuño, a Cruz Vermella imparte unha nova charla sobre a prevención de roubos, estafas e abusos en persoas maiores na Casa da Cultura de Bertamiráns. A sesión, ao igual que o anterior faladoiro realizado o pasado 5 de xuño no local de JUPEMI do Milladoiro, será impartida polo sarxento da Garda Civil Luís López, que ofrecerá información sobre este tipo de accións delitivas, así como unha serie de consellos para evitar que os maiores caian vítimas deste tipo de estafas. A iniciativa, apoiada en Ames pola Concellaría de Servizos Sociais, está encadrada no programa provincial da asociación ‘Bo trato ás persoas maiores: promoción do trato adecuado e protección fronte ao maltrato’.

Ao longo da tarde, o sarxento falará sobre as estafas e abusos que se dirixen aos maiores e ofrecerá unha serie de consellos para evitar caer neste tipo de accións. Asemade, tamén presentará información detallada sobre algúns dos roubos, estafas e timos máis comúns e poranse exemplos de como se desenvolven. Mediante esta actividade buscase  sensibilizar á poboación sobre algúns dos problemas cos que se encontran as persoas maiores e promover un trato correcto e xusto para con elas.

Durante o faladoiro ofreceranse tamén unha serie de consellos encamiñados a previr ou evitar caer neste tipo de situacións, entre elas a aplicación “AlertCops”, un servizo de alertas de seguridade cidadá deseñado polas forzas de seguridade estatais para facilitar a atención en situacións de risco. Os e as asistentes poderán expoñer as súas vivencias e consultar todas as dúbidas que lles xurdan. A entrada para acudir a esta sesión, que comezará ás 17.30h na Casa da Cultura de Bertamiráns, será libre e gratuíta ata completar aforo.

Comentarios