Ordes conta cun novo albergue ao paso do Camiño Inglés

Ordes conta cun novo albergue ao paso do Camiño Inglés
Ordes conta cun novo albergue ao paso do Camiño Inglés

O titular da Xunta destaca que, ademais de dinamizar o Camiño Inglés, a transformación da casa reitoral de Poulo, un edificio con historia e cun elevado valor patrimonial amosa a aposta da Xunta pola rehabilitación

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou onte o novo albergue de Ordes, unha infraestrutura que, con máis de 40 prazas e un investimento de máis de medio millón de euros, vén sumarse aos 70 establecementos da rede autonómica, contribuíndo deste xeito a preparar Galicia para o Xacobeo 2021.

Durante unha visita as instalacións, Feijóo afirmou que, ademais de dinamizar o Camiño Inglés, a transformación da casa reitoral de Poulo, un edificio con historia e cun elevado valor patrimonial amosa a aposta da Xunta pola rehabilitación ante a nova construción sempre que sexa posible.

Ao longo da súa intervención, o responsable do Executivo galego lembrou que o número de albergues autonómicos atópase en continuo crecemento de cara ao próximo Ano Santo. Así, inauguráronse novos establecementos en distintos itinerarios como os de Ourense, A Fonsagrada ou Friol; estase a traballar na posta en marcha dun novo albergue no barrio do Berbés en Vigo, así como na planificación doutro na Vía da Prata; e estase a mellorar o equipamento doutros xa existentes, como os dos albergues de Lalín e Pontevedra.

Feijóo aproveitou o acto para recordar tamén que o Camiño de Santiago pasa polo seu mellor momento, cunha cifra de peregrinos que crece case un 13% con respecto ao pasado ano, cando se alcanzou o récord con preto de 330.000. “O Camiño xa é ademais un fenómeno internacional, cun 66% dos peregrinos procedentes de case 180 nacionalidades e case a  metade dos peregrinos chegan por rutas alternativas ao Camiño Francés, destacando o Portugués”, engadiu, resaltando tamén a aposta pola conservación do patrimonio cultural.

Logo de recordar ademais a posta en marcha dun investimento de 15 millóns de euros para o mantemento de todas as rutas xacobeas que pasan por 138 concellos galegos, o titular da Xunta incidiu en que o obxectivo e impulsar un Camiño de Santiago que non só achegue dinamismo á capital galega senón a toda a Comunidade. “Do mesmo xeito que se di que todos os camiños conducen a Roma, ata o próximo Xacobeo 2021 estou seguro de que todos os camiños conducirán a Compostela, que ao mesmo tempo será a cidade de saída para coñecer todos os recunchos de Galicia: a Ribeira Sacra, as Illas Cíes, o Ferrol da Ilustración e a todas as cidades, vilas, pobos, praias e montes de Galicia”, dixo.

Feijóo concluíu aseverando que Galicia vai no bo camiño para conseguir esta meta, cun balance no primeiro cuadrimestre do ano que así o demostra. Non en van, o turismo na Comunidade crece en cantidade pero, sobre todo, en calidade, con 31.000 viaxeiros máis que o pasado ano.

Así mesmo, Galicia é a segunda comunidade onde máis crece o turismo: un 5% fronte ao 1% da media española, e fóra da temporada estival. A estancia media aumentou preto dun 2%, e os establecementos hoteleiros ingresaron case 62 millóns de euros, un 8% máis que no mesmo período de 2018.

Comentarios