Rapaces do IES de Ames participaron nos obradoiros de corporalidade e emocións de empoderamento feminista

Rapaces do IES de Ames participaron nos obradoiros de corporalidade e emocións de empoderamento feminista
Rapaces do IES de Ames participaron nos obradoiros de corporalidade e emocións de empoderamento feminista

A actividade contou coa colaboración da Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade de Ames

A ANPA do CEIP de Ames puxo en marcha entre os meses de xaneiro e marzo unha serie de obradoiros de corporalidade e emocións destinados a alumnas do centro, nos que participaron preto de quince mozas de entre 14 e 16 anos. A actividade, que contou coa colaboración da Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade de Ames, encadrouse no programa de obradoiros de empoderamento feminista e novas masculinidades, destinado ao alumnado adolescente do centro co obxectivo de traballar con eles a conciencia de xénero mediante dinámicas participativas e teatrais.

Durante os meses de xaneiro, febreiro e marzo o Centro de Información da Muller de Ames e a Asociación de Nais e Pais de Alumnos IES de Ames, en colaboración coa Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade, levaron a cabo un programa de obradoiros de empoderamento feminista e novas masculinidades no IES de Bertamiráns. A finalidade desta iniciativa foi a de guiar aos rapaces e rapazas na toma de conciencia dos roles sexistas que xoga cada persoa, comprender de onde veñen socialmente, e comezar a tomar conciencia de cando, como, e para que os utilizamos na nosa vida.

Ao abeiro deste programa, realizaronse unha serie de obradoiros de corporalidade e emocións destinados ás estudantes, que contaron coa participación dunhas trece rapazas de entre 14 e 16 anos. Durante as sesións, a educadora emocional e terapeuta corporal Belén Bernardo traballou coas mozas o empoderamento feminista a través de ferramentas dirixidas á prevención, ao autocoidado e á autoxestión no ámbito da súa corporalidade. Así, as mozas aprenderon a utilizar a expresión corporal como forma de exteriorizar as emocións e canalizar a súa forza.

Así, as oito sesións que conformaron esta actividade estiveron dirixidas a fomentar a autonomía das participantes, axudarlles a asimilar todas as temáticas dende a vivencia corporal e adquirir conciencia emocional, así como unha maior comprensión de si mesmas. Ademais, a través de diversos exercicios, buscouse establecer vínculos emocionais positivos entre as integrantes do grupo e mellorar a súa capacidade para xestionar o estrés e relaxar o corpo. Os obradoiros realizáronse todos os xoves comprendidos entre o 24 de xaneiro e o 14 de marzo, en horario de 17.00 a 19.00h.

Comentarios