Miñones xa ten o seu goberno ao completo

Miñones xa ten o seu goberno ao completo
Miñones xa ten o seu goberno ao completo

O pasado sábado, 15 de xuño, no pleno de constitución da nova Corporación municipal do Concello de Ames, José Miñones foi reelixido alcalde de Ames co apoio dos 13 concelleiros e concelleiras pertencentes aos grupos políticos do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos

O alcalde de Ames, José Miñones, vén de asinar o decreto coas delegacións de cada unha das concellarías do novo goberno municipal. As competencias repártense en doce concellarías e mailas atribucións que lle corresponden ao alcalde. Ademais, realizouse o nomeamento dos tenentes de alcalde e dos concelleiros que formarán a Xunta de Goberno Local. Agora, queda por realizar o pleno de organización no que se decidirán as dedicacións de cada grupo municipal, así como a periodicidade coa que se celebrarán os plenos e as xuntas de goberno local, entre outros asuntos.

O pasado sábado, 15 de xuño, no pleno de constitución da nova Corporación municipal do Concello de Ames, José Miñones foi reelixido alcalde de Ames co apoio dos 13 concelleiros e concelleiras pertencentes aos grupos políticos do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos. Estes tres grupos políticos alcanzaron un acordo e formarán o goberno municipal no mandato 2019-2023. Tras dito acordo, o alcalde vén de asinar o decreto coas delegacións de cada unha das concellarías do novo goberno municipal.

Deste xeito o alcalde, José M. Miñones Conde, disporá das competencias relacionadas coa Alcaldía e coa área de urbanismo. Luísa Feijóo Montero seguirá sendo concelleira delegada de Benestar social. Esta concellaría comprende as competencias das áreas de servizos sociais, igualdade, migración, voluntariado e sanidade. José Blas García Piñeiro tamén continuará sendo o concelleiro delegado de Obras e Servizos básicos, que comprende as áreas de obras, servizos básicos, parques, xardíns e protección civil. Susana Señorís Rodríguez levará a concelleira delegada de Deportes e Atención veciñal e xestionará estas dúas áreas.

Manuel Lens Cernadas será o concelleiro de Transición ecolóxica e Medio rural. Así levará as áreas de medio ambiente, medio rural e turismo. Beatriz Martínez Domínguez encargarase da concellería de Mobilidade, que comprende as áreas de tráfico, mobilidade e transporte. Víctor Manuel Fernández Prieto levará a concellaría de Administración Xeral, na que se enmarcan as áreas de administración xeral, persoal, seguridade e participación cidadá. Ana Belén Paz García encargarase da Concellaría de Promoción Económica, que comprende as áreas de comercio, innovación e emprego.

Por outra banda, David Santomil seguirá sendo o concelleiro de Educación e encargarase de xestionar as áreas de educación, servizos educativos complementarios e patrimonio histórico. Natividade González Rodríguez foi nomeada concelleira de Cultura e Tecnoloxías da comunicación, que comprende as áreas de cultura, festas, tecnoloxías, comunicación e bibliotecas. Escarlata Pampín López será concelleira de Mocidade e Normalización lingüística e xestionará estas dúas áreas.

Po último, Genma Otero Uhía volverá a ser concelleira de Economía e Facendo que comprende as áreas de economía, facenda e contratación, mentres que Vanessa Vidal Freire será concelleira de Transparencia e xestionará as áreas de transparencia e inventario municipal de bens.

TENENCIAS DE ALCALDÍA E XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Asemade, asinouse o decreto polo que se nomean os/as tenentes de alcalde. Así o primeiro tenente de alcalde é David Santomil; a segunda tenencia de alcaldía correspóndenlle a Blas García; a terceira tenente de alcalde é Genma Otero; a cuarta tenencia de alcaldía é para Luísa Feijóo; a quinta tenente de alcalde é Ana Belén Paz García; e a sexta tenencia de alcaldía é para Natividade González Rodríguez.

A Xunta de Goberno Local estará composta por José Miñones, que na súa calidade de alcalde actuará como presidente, Luísa Feijóo, Blas García, Ana Belén Paz, David Santomil, Natividade Rodríguez e Genma Otero. As sesións ordinarias da Xunta de Goberno Local realizaranse os xoves, ás 13.00 horas, coa periodicidade que se fixe no pleno e organización.

Comentarios