Comeza unha nova edición do Festival de San Xoán

Comeza unha nova edición do Festival de San Xoán
Comeza unha nova edición do Festival de San Xoán

O evento arrincará a tarde do venres 21, completando a programación que artellarán para o día de San Xoán os distintos colectivos, barrios e asociacións do concello

Entre o venres 21 e o domingo 23, a praza de Mazarelos acollerá unha nova edición do Festival de San Xoán, organizado por Turismo de Santiago, entidade de promoción turística do Concello. O obxectivo do Festival é aproveitar a gran tradición que teñen as Festas de San Xoán en Santiago de Compostela, con multitude de cacharelas por todo o termo municipal e unha implicación veciñal moi importante, e así potenciar o seu atractivo turístico, tanto para o mercado doméstico coma o internacional.

O evento arrincará a tarde do venres 21, completando a programación que artellarán para o día de San Xoán os distintos colectivos, barrios e asociacións do concello, enriquecéndoa con multitude de actividades gratuítas que se prolongarán ata o domingo 23 para festexar a chegada dos días máis longos do ano.

A praza de Mazarelos será o punto central do evento. Na praza haberá un mercado artesán, no que este ano participarán Degerónimo, Ocarinas Paparolo, Sanín, Sonia Ares, Susi Gesto (que fará demostracións ao vivo de ourivería), Noga Arts e Como pez en el agua, todos eles de Santiago e contorna e adheridos a Artesanía de Galicia.

Tamén contará o festival cunha área gastronómica coas viandas típicas desta arraigada festa, concertos, clases de baile tradicional e un espazo para a cativada, entre outros.

Ademais, celebraranse actividades e obradoiros para a posta en valor das tradicións de San Xoán. Este ano, por mor das previsións meteorolóxicas, instalarase unha carpa para poder desenvolver con normalidade todas as actividades previstas.

O Festival de San Xoán comezará o venres 21, ás 18:00 horas, na praza de Mazarelos, cun obradoiro de pintado de pratiños decorativos de polbo para todos os públicos. A continuación, entre as 19:30 e as 21:30, haberá un obradoiro de baile tradicional; e entre 20:00 e as 21:30 realizarase outro obradoiro de elaboración de vasoiras máxicas de xesta. As 22:00 horas celebrarase un concerto para despedir a xornada.

O sábado 22 incluirá múltiples actividades e obradoiros durante todo o día. Ás 22:00 horas sairá dende a Alameda a comitiva formada pola Raíña Alda e o seu séquito para levar o "Lume Sagrado do Pico Sacro" ata Mazarelos. Trátase dun acto simbólico que recupera a celebración pagá do solsticio de verán, coa obtención de lume por medios naturais directamente do sol no monte Pico Sacro e o seu traslado a Santiago. Esta acción está promovida polo Concello de Boqueixón e a Asociación Castro da Fervenza de Callobre (A Estrada).

O domingo 23 haberá multitude de actividades previas ao acendido das cacharelas en múltiples puntos do concello. Entre elas destaca a circulación do Tren Cacharelo por barrios da cidade que celebran o San Xoán. O Tren Cacharelo, gratuíto, circulará entre as 17:00 e as 01.00.

Comentarios
Lo más