O IDIS ten nas súas mans un proxecto sobre o tratamento das enfermidades neurolóxicas asociadas ao envellecemento

O IDIS ten nas súas mans un proxecto sobre o tratamento das enfermidades neurolóxicas asociadas ao envellecemento
O IDIS ten nas súas mans un proxecto sobre o tratamento das enfermidades neurolóxicas asociadas ao envellecemento

Trátase do primeiro proxecto Interreg Atlantic coordinado por investigadores do SERGAS e da USC integrados no IDIS

Dende os laboratorios do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) coordinarase durante 3 anos a principal plataforma da rexión atlántica europea para innovar na diagnose e tratamento de enfermidades neurolóxicas de alto impacto, primordialmente a enfermidade do Alzhéimer e o Ictus, pandemias do século XXI. Nel participan investigadores de Reino Unido, Francia, Portugal e España.

O proxecto europeo NeuroAtlantic (“An Atlantic innovation platform on diagnosis and treatment of neurological diseases and aging” // Plataforma de Innovación Atlántica para a diagnose e tratamento de enfermidades neurolóxicas asociadas ao envellecemento) xurde co obxectivo de contribuír a mitigar os devastadores efectos da enfermidade de alzhéimer e do ictus, así como intercambiar experiencias e protocolos de investigación clínica e preclínica conxuntamente con empresas do sector saúde e biotecnolóxico. Trátase do primeiro proxecto europeo Interreg Atlantic coordinado por un investigador do Servizo Galego de Saúde, Dr. Tomás Sobrino - Investigador Miguel Servet do SERGAS do Laboratorio de Investigación en Neurociencias Clínicas- liderado conxuntamente co Dr. Pablo Aguiar – Investigador Ramón y Cajal da USC do Grupo de Imaxe Molecular coordinado polo Prof. Álvaro Ruibal-; ámbolos dous investigadores principais están integrados no IDIS, instituto dirixido polo Prof. José Castillo.

A xerente da Xestión Integrada de Santiago, Eloína Núñez Masid, acompañou aos coordinadores do proxecto na presentación e inauguración do proxecto de investigación NeuroAtlantic, que tivo lugar onte no Hospital Clínico. A doutora Núñez lembrou que “a nosa institución atópase a vangarda dende hai anos no eido da innovación e investigación asociada ao envellecemento activo nas enfermidades neurolóxicas”.

Recordou que o Dr. Sobrino, tamén coordina o proxecto europeo H2020 PANA, que procura a diagnose precoz da enfermidade de Alzhéimer, e participa noutras investigacións internacionais na mellora da diagnose e tratamento de Alzhéimer e Ictus coma os proxectos internacionais H2020 MADIA e o proxecto GENISIS da NIH americana. Por outra parte, o Dr. Aguiar tamén lidera outro proxecto centrado do diagnóstico por neuroimaxe funcional PET con trazadores de placa amiloide. Finalmente, a XXIS traballa constantemente no desenvolvemento de proxectos no ámbito da atención non presencial, a integración de coidados ou a promoción da saúde na poboación anciá e con patoloxía crónica.

Neste senso, os investigadores principais do proxecto NeuroAtlantic consideran q non é algo menor, pois a posibilidade de reunir ás grandes capacidades científicas e tecnolóxicas na área atlántica europea no eido das enfermidades neurolóxicas asociadas ao envellecemento (Enfermidade de Alzhéimer, Ictus, etc.), de gran impacto na rexión atlántica europea, reflectirá nun diagnóstico e tratamento máis efectivos e instaurará novas opcións terapéuticas e medidas preventivas da súa evolución, mellorando en consecuencia o prognóstico, a evolución do cadro e a calidade de vida do paciente. Para acadar este obxectivo, o proxecto NeuroAtlantic centrarase en establecer unha plataforma traslacional para desenvolver novos axentes terapéuticos e diagnósticos, traballando na estandarización de protocolos clínicos, preclínicos e innovacións clínicas e de capitalización.

O proxecto desenvolverase ao longo duns 3 anos e está dotado cun orzamento de 1,8 millóns de xestionados integramente dende a FIDIS. Participan máis de 50 investigadores europeos, liderados polos Grupo de Neurociencias Clínicas e Imaxe Molecular do IDIS e contempla a contratación de 4 investigadores máis durante os próximos 3 anos no CHUS.

NeuroAtlantic promove o envellecemento activo e pretende mellorar a calidade de vida das persoas a medida que envellecen, favorecendo as súas oportunidades de desenvolvemento para unha vida saudable, participativa e segura. O envellecemento activo implica entender esta etapa da vida como un ciclo máis de crecemento persoal, engadindo "vida aos anos e non soamente anos á vida".

O impacto clínico, social e económico deste proxecto será de gran importancia, por iso o SERGAS liderará e coordinará un consorcio europeo único no que converxen neurocientíficos, tecnólogos, expertos en imaxe molecular, etc., pertencentes a centros hospitalarios, universidades e pequenas e grandes empresas, líderes no campo da diagnose e tratamento da enfermidades neurolóxicas asociadas ao envellecemento. Neste senso, cabe destacar a participación de ACIS coma ente de innovación sanitaria dentro do grupo coordinador, así coma o Clúster Saúde de Galicia e as biotecnolóxicas constituídas dende o IDIS, Qubiotech e LINCbiotech, froito da gran labor de transferencia de resultados a sector produtivo dos investigadores do IDIS.

Comentarios
Lo más