A Mesa amosa a súa satisfacción sobre a elección do Carvalho Calero como autor das Letras Galegas 2020

A Mesa amosa a súa satisfacción sobre a elección do Carvalho Calero como autor das Letras Galegas 2020
A Mesa amosa a súa satisfacción sobre a elección do Carvalho Calero como autor das Letras Galegas 2020

Carvalho Calero foi autor de poesía, narrativa, teatro e ensaio. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos e foi, ademais, o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela

A Real Academia Galega decide mañá sábado quen será o protagonista do Día das Letras do 2020, nunha votación cun único nome propio: Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Compostela, 1990). Despois de anos de intentos infrutuosos por parte de diversos colectivos e entidades sociais de defensa da lingua e da cultura galegas, a única candidatura presentada é a do primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega, que hai 32 anos pechou en Compostela os encontros que desembocaron na constitución da Mesa pola Normalización Lingüísitica, polo que con toda probabilidade o intelectual ferrolán resultará elixido.

Carvalho Calero foi autor de poesía, narrativa, teatro e ensaio. Formou parte do Seminario de Estudos Galegos e foi, ademais, o primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela e da historia de Galicia. En 1963 publicou a Historia da literatura galega contemporánea 1808-1936 e no 1966, a Gramática elemental del gallego común, obras canónicas imprescindíbeis para a textualización da nosa cultura. 

Desde mediados da década dos 70, defendeu publicamente unha aproximación á lingua portuguesa na liña de Murguía, fundador e primeiro presidente da RAG, e doutros moitos intelectuais. O 20 de abril de 1986 pechou o Encontro sobre o estado actual da normalización lingüística que frutificou na creación da Mesa pola Normalización Lingüistica, coa conferencia titulada Situaçom presente e orientaçom futura dos problemas gerais da nossa língua. Destaca tamén a súa participación en entidades como a Associaçom Galega da Língua (AGAL) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG)

Afastado e marxinado polo poder, recibiu continuas homenaxes das amizades, do alumnado e de admiradores. Cabe destacar os actos na sua honra organizados pola Sociedade Cultural Medulio na súa terra, así como da Agrupaçom Cultural O Facho, da Asociación Alexandre Bóveda, da Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e o nomeamento como fillo predilecto de Ferrol. Tras o seu pasamento, o Parlamento galego declarouno por unanimidade fillo ilustre de Galicia.

A Mesa pola Normalización Lingüística ten como único obxectivo a promoción do uso do galego en todos os ámbitos da vida social propios de calquera idioma. Tanto polas súas actividades como polo seu número de asociadas é a maior asociación do galego e un referente social imprescindible no terreo da normalización lingüística. O seu papel é o de emprender iniciativas que sensibilicen a poboación e que abran novas vías de uso do noso idioma en distintos ámbitos, así como denunciar todo tipo de agresións e discriminacións que poida sufrir a lingua galega e asegurar que se respecte o seu uso individual e colectivo. 

Os seus principais ámbitos de acción son o ensino, a empresa e a administración pública. Na actualidade, a Mesa leva a cabo actividades de divulgación, sensibilización e dinamización relacionadas cos seus obxectivos estatutarios. Algúns exemplos das actividades que ten en funcionamento na actualidade a asociación son A Liña do Galego ou Abertos ao Galego.

Comentarios