A Asociación Área Empresarial do Tambre acolle unha mostra colectiva da asociación Friendly Talents

A Asociación Área Empresarial do Tambre acolle unha mostra colectiva da asociación Friendly Talents
A Asociación Área Empresarial do Tambre acolle unha mostra colectiva da asociación Friendly Talents

A mostra está composta por dezaoito pinturas, creadas con diversas técnicas pictóricas como o óleo, óleo sobre tea, acrílico ou acuarela, ademais de dúas fotografías en diversos formatos

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AAET) inaugurará hoxe, día 24 de xuño, a exposición colectiva “Estampas portuguesas da asociación Friendly Talents”. O acto celebrarase ás 20:00 horas no Centro Empresarial do Tambre, e contará coa presenza dalgún dos artistas portugueses. A exposición estará aberta ao público ata o vindeiro 19 de xullo.

A mostra está composta por dezaoito pinturas, creadas con diversas técnicas pictóricas como o óleo, óleo sobre tea, acrílico ou acuarela, ademais de dúas fotografías en diversos formatos dos artistas António Cordeiro, Mário Ilha, Toia Neuparth, Minela Reis, Florbela Pacheco, Jorge Rodrigues, Ivo Mota Veiga, Cremilda Salvador, Marques Valentim (luso-moçambicano), Júlio Madika (angoleño), Mistous (angoleño), José Delgado Gomes, José Pádua e Noémia Tomás. Portugal, Angola e Mozambique están representados na mostra.

A exposición é parte das actividades que FriendlyTalents promove para promocionar aos seus membros e á arte e cultura dos pobos portugueses e galegos, inxeridos no apoio da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP) e Galicia e os pobos que falan lingua lusa e galaica.

A Asociación de Artes e Literatura Friendly Talents é un proxecto de arte creado en 2014 por un grupo de artistas portugueses, do distrito de Leiria, que ten o obxecto de ensinar e difundir as artes plásticas e a literatura dos países da CPLP e Galicia. A asociación dispón dunha galería de arte onde realizan mostras mensuais, eventos nacionais e internacionais e bienais artística, como a organizada este ano no mosteiro de Batalha na provincia de Beira Litoral, un monumento histórico, exemplo de arquitectura gótica tardía portuguesa, declarado Patrimonio da Humanidade pola Unesco en 2007. Nesta bienal de 2019 expuxéronse un conxunto de pinturas procedentes de todo o mundo, sobre todo lusófonas e algunhas galegas.

Comentarios
Lo más