Alumnos do IES de Ames crean unha guía de campo das súas especies arbóreas

Alumnos do IES de Ames crean unha guía de campo das súas especies arbóreas
Alumnos do IES de Ames crean unha guía de campo das súas especies arbóreas

O traballo culmina na creación dunha guía de campo das especies arbóreas de Bertamiráns, a colocación de 55 placas identificadoras en parques e xardíns da localidade, e a instalación dun mural de 62 metros lineais no paseo fluvial de Bertamiráns

O alumnado de 1º, 3º e 4º da ESO do IES de Ames presentou esta mañá os froitos do seu proxecto de interpretación botánica dos parques e xardíns de Bertamiráns, no que colaboraron coa Aula da Natureza e a OMIX. Durante a presentación, as técnicas municipais da Aula da Natureza e da OMIX de Ames e os profesores e alumnos que participaron no proxecto explicaron o traballo realizado ao longo do curso 2018/19 ao abeiro desta iniciativa. O traballo culmina na creación dunha guía de campo das especies arbóreas de Bertamiráns, a colocación de 55 placas identificadoras en parques e xardíns da localidade, e a instalación dun mural de 62 metros lineais no paseo fluvial de Bertamiráns.

Dende o seu inicio, este proxecto abarcouse de maneira bilateral, tanto dende un vista botánico como artístico, factor que tamén se trasladou á presentación desta mañá. Así, o evento comezou ás 11.00h no Pazo da Peregrina, onde a técnica da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, explicou como foi o proceso de identificación, investigación e creación da guía sobre as árbores que se poden atopar en Bertamiráns. A continuación, o alumnado de 1º da ESO e Roberto Amarelle, profesor de Bioloxía e Xeoloxía e coordinador do traballo realizado dende o punto de vista botánico no IES, explicaron o traballo realizado no centro e as súas vivencias durante o proceso.

Esta primeira parte rematou coa colocación de algúns dos postes identificativos que xa poden verse no xardín do Pazo da Peregrina, e que tamén serán colocados na Praza de Chavián, para que os visitantes poidan identificar as distintas especies e coñecer información das mesmas. Esta acción complementouse coa presentación da guía de campo das especies arbóreas de Bertamiráns, realizada durante as clases de Bioloxía de 1º, que recolle información en galego, castelán e inglés sobre as distintas árbores que habitan o núcleo urbano.

As 12.00h o evento trasladouse ao paseo fluvial de Bertamiráns, onde se abordou o traballo realizado neste proxecto no ámbito artístico, que culminou na elaboración dun mural de 68 metros lineais ao aire libre que recolle algunhas das especies arbóreas e animais máis representativas da zona. Os encargados de levar a cabo este aspecto foron as mozas e mozos de 3º e 4º da ESO, coordinados pola  profesora de Educación Plástica do centro, Renata Otero, e apoiados pola OMIX.

Durante esta segunda parte da presentación, a técnica da OMIX de Ames, Pilar Villaverde, quixo agradecer aos rapaces e rapazas todo o traballo realizado para a creación desta obra artística realizada no Rego dos Pasos. A continuación, Renata Otero explicou o traballo de documentación e elaboración necesaria para elaborar o mural, tralo que o alumnado expresou algunhas das súas impresións e algúns dos agradecementos que xa recibiron de veciños e veciñas da zona.

O acto rematou cunhas palabras do concelleiro de Obras e Servizos Básicos, que salientou a labor realizada polo alumnado no embelecemento e revalorización de Ames, un agradecemento que fixo extensible a todos os departamentos municipais que participaron no proxecto. Por último, todos o grupo recibiu unha camiseta como recordo da súa participación na iniciativa, así como unha copia da guía, que en breve estará dispoñible nas dependencias do Concello para aqueles veciños e veciñas que queiran coñecer con detalle o patrimonio natural de Bertamiráns.

Un proxecto de investigación e creatividade

Debido á amplitude do traballo os e as participantes dividíronse en dous grupos, un primeiro que se centrou no aspecto botánico do proxecto e outro encargado da parte artística. O primeiro destes grupos foi conducido polo profesor de Bioloxía e Xeoloxía Roberto Amarelle e a Aula da Natureza do Concello, e estivo formado polo alumnado de 1º da ESO. Así, este equipo encargouse de elaborar planos dos distintos espazos botánicos de Bertamiráns, a recollida de follas e a identificación das mesmas no laboratorio, así como da busca de información e a elaboración dunha ficha para cada especie identificada.

Estas fichas conteñen nome, localización e detalles do porte xeral das árbores, tanto das follas como das súas flores e froitos. Por último, todas elas foron elaboradas en galego, castelán e inglés; e compiláronse nun caderno de peto maquetado por Roberto Marelle e editado polo Concello de Ames, co obxectivo de poñelo a disposición de todas as persoas interesadas en coñecer mellor a vida botánica de Bertamiráns. Con esta mesma finalidade, o grupo tamén elaborou un total de 55 postes identificadores, que foron colocados ao pé das distintas árbores identificadas para facilitar que os viandantes coñezan os distintos tipos de árbores que copan a paisaxe deste núcleo urbano.

Por outra banda, o segundo grupo estivo coordinado pola profesora de Educación Plástica do IES de Ames Renata Otero e englobou ao alumnado de 3º e 4º da ESO, que foron os encargados de conducir o estudo no ámbito artístico. O equipo traballou na preparación e elaboración dun mural ao aire libre a través do que mostrar os resultados do estudo a través do arte.

Así, durante o curso as mozas e mozos participaron en varias charlas e obradoiros sobre grandes pinturas organizados pola Oficina Municipal de Información Xuvenil, e realizaron o deseño das ilustracións e a elaboración de bocexos previos, para o que tiveron que poñer en práctica os seus coñecementos sobre cores, proporcións e debuxo. A comezos de xuño, todo este traballo cristalizou nun mural de sete metros de longo situado no paseo fluvial de Bertamiráns, onde plasmaron as distintas especies arbóreas localizadas, así como a fauna máis representativa dos espazos estudados.

Comentarios