Leiceaga opina que Feijóo xa ten claro o seu futuro político pero prefire "adiar de novo a súa resposta"

Leiceaga opina que Feijóo xa ten claro o seu futuro político pero prefire "adiar de novo a súa resposta"
Leiceaga opina que Feijóo xa ten claro o seu futuro político pero prefire "adiar de novo a súa resposta"

Fernández Leiceaga apunta que os actos repetidos a semana pasada polo presidente da Xunta na sede do goberno e no seu partido ofrecen unha “síntese dos seus fracasos máis palmarios”

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, cualificou hoxe de “exercicio de escapismo político” os dous actos consecutivos de Feijóo a semana pasada, na Xunta e no seu partido, para iniciar unha longa precampaña electoral. Nunha rolda de prensa que comezou lembrando ao deputado Raúl Fernández, falecido a pasada semana, e agradecendo as mostras de agarimo, sinalou que Feijóo quere conseguir “tempo para superar a falla de apoio da maioría que necesita” para repetir no goberno galego.

Leiceaga explicou que con esta decisión o presidente da Xunta “da por rematara a Lexislatura” en canto á acción de goberno, co que “vai pasar de presentar un 70 por cento de retórica e un 30 por cento de acción de goberno a en torno a un 90 por cento de retórica”. A partir deste momento, dixo, aboca á cidadanía a “ler tódalas decisións en clave puramente electoral”, dende o punto de trasladar os eixos de goberno ao ano 2027, nun “exercicio de escapismo político”.

O presidente da Xunta, dixo, presenta catro eixos que en realidade son “a síntese dos seus fracasos máis palmarios”. Feijóo sinala ás familias como un dos piares da súa proposta cando dende que é presidente da Xunta Galicia ten “menos familias que nunca” e coa crise demográfica como “testemuña do seu fracaso”, evitando o cambio de paradigma que Galicia necesita, con apoio ao emprego, vivenda ou conciliación.

O portavoz socialista advertiu que ao sinalar tamén á xuventude, Feijóo obvia que baixo o seu mandato Galicia tivo unha drástica caída da poboación de menos de 35 anos, cunha importante fuga de talento e co “fracaso completo” nas políticas de vivenda pública para esta poboación.

Reclamou tamén un “cambio de tercio” na xestión da Xunta en materia de innovación, cando Galicia aínda non recuperou o máximo de investimento en I+D acadado no goberno do socialista Emilio Pérez Touriño, a única vez que acadou o 1 por cento do PIB. Apuntou finalmente que ao sinalar á ecoloxía como un dos eixos do goberno galego, Feijóo evidencia que non sumou unha soa hectárea de parques naturais nos últimos anos, e que apenas actuou na depuración das rías..

BRÉTEMA POLÍTICA

O portavoz do Grupo Socialista preguntaralle ao presidente da Xunta, na sesión de control do Pleno que comeza mañá, polo balance dos seus 10 anos de goberno, que culminan cun PP cheo de “incógnitas, preocupación e incerteza” e sumido na “brétema” sobre o seu futuro. Advertiu que se o presidente da Xunta vira “con claridade” o seu futuro político “xa hoxe sería candidato”, pero prefire adiar de novo a súa resposta.

Lembrou que os socialistas galegos si que contan cun candidato á presidencia da Xunta de Galicia na persoa do seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, que se incorporará en breve ao Grupo Parlamentario reforzando “a idea, a mensaxe e as condicións de alternativa” política. Sinalou que “ninguén pon en dúbida que a próxima Xunta de Galicia vai pivotar sobre o PSdeG”, que leva toda a Lexislatura “exercendo de facto o liderado da oposición”.

Aludiu así aos inminentes cambios na configuración do Grupo Parlamentario dos socialistas de Galicia, á espera da configuración dos plenos municipais de Vigo e A Coruña para a saída de Abel Losada e Juan Díaz Villoslada, e a entrada de Gonzalo Caballero e Teresa Porritt, e o falecemento de Raúl Fernández, que será substituído pola ourensá Carmen Rodríguez Dacosta.

Comentarios