Últimos días para inscribirse na XXIV Carreira Popular Concello de Ordes

Últimos días para inscribirse na XXIV Carreira Popular Concello de Ordes
Últimos días para inscribirse na XXIV Carreira Popular Concello de Ordes

Este mércores finaliza o prazo para apuntarse tanto na competición como na I Andaina Popular Contra o Cancro que terán lugar o vindeiro domingo

Ata o vindeiro mércores, 26 de xuño, manterase aberto o prazo de inscrición para participar na XXIV Carreira Popular Concello de Ordes. A proba englóbase dentro do calendario oficial da Federación Galega de Atletismo e terá lugar o próximo domingo, 30 de xuño. Como novidade paralelamente tamén se celebrará a I Andaina Popular Contra o Cancro en colaboración coa xunta local da AECC. Ambas citas están abertas a todas as persoas que queiran participar, indistintamente de que estean federadas ou non. A día de hoxe xa se teñen contabilizadas 130 atletas para a carreira popular e 70 para a andaina.

Todas as inscricións, incluídas as da andaina, deberán facerse a través da páxina galega www.carreirasgalegas.com. Cómpre ter en conta que os equipos ou clubs que desexen optar aos premios en metálico deberán formalizar a inscrición individual de cada compoñente e ademais remitir un correo electrónico á dirección www.carreirasgalegas.com para poder facer achegas económicas indiferentemente de que se participe ou non en ambas as probas. 

As probas darán comezo a partir das 10 horas. No caso da andaina a hora de saída será ás 10.10 horas. Nesta nova edición da Carreira Popular poderán participar corredores e corredoras de todas as categorías a partir da baby (nados/as en 2014 e anos posteriores). Outra das novidades é o novo percorrido establecido, o cal vai dende os 8.300 ata os 400 metros segundo a categoría, sendo de 4.200 metros no caso da andaina. Itinerarios que no caso das probas máis relevantes discorrerán tanto polo casco urbano como polas inmediacións da vila. En calquera caso e ao igual que en edicións anteriores a alameda de Ordes será punto de encontro para as persoas participantes.

Os premios en metálico serán de 150, 80 e 50 euros para os primeiros clasificados na proba absoluta (varóns e mulleres) e tamén para os clubs federados. No caso dos grupos do municipio as contías serán de 150, 100 e 50 euros. Haberá trofeos para os tres primeiros clasificados a partir da categoría benxamín, para as tres primeiras mulleres e os tres primeiros homes da carreira SUB 18, SUB 20 SUB 23 Sénior e Máster. Na proba absoluta tamén se lles outorgará trofeo aos tres primeiros clasificados do Concello e aos participantes máis novo e veterano de cada categoría que cheguen á meta. Os trofeos non serán acumulativos.

Como de costume habilitaranse duchas na piscina municipal do Muíño, ademais de dispensarse avituallamento e unha camiseta a todas e todos os atletas que conclúan a proba. 

Comentarios