Os nenos dos comedores escolares de Ames puideron disfrutar do menú elexido: churrasco con patacas

Os nenos dos comedores escolares de Ames puideron disfrutar do menú elexido: churrasco con patacas
Os nenos dos comedores escolares de Ames puideron disfrutar do menú elexido: churrasco con patacas

O menú foi escollido polos propios rapaces e rapazas, nunhas eleccións organizadas, como noutros anos, polo propio Concello

As nenas e nenos usuarias da Rede Municipal de Comedores Escolares celebraron este xoves 20 de xuño, penúltimo día de clase, o fin de curso cun xantar moi especial: churrasco con patacas fritas e, de sobremesa, xeado de xeo. O menú foi escollido polos propios rapaces e rapazas, nunhas eleccións organizadas, como noutros anos, polo propio Concello. As eleccións desenvolvéronse durante o horario no que se emprega o servizo de comedores no CEIP Agro do Muíño, CEIP A Maía, CEP de Ventín, CEIP de Barouta e na EEI do Milladoiro. O primeiro prato, ensalada mixta, foi escollido pola nutricionista municipal.

As usuarias e usuarios da Rede Municipal de Comedores Escolares volveron ser practicamente unánimes no que a gustos culinarios se refire. Por cuarto ano consecutivo, o churrasco con patacas e o xeado de xeo (un polo de limón ou laranxa), volveron ser a opción favorita para a grande maioría do alumando. O menú escollido foi degustado este xoves 20 de xuño, penúltimo día de clase, xa que o venres unha grande parte do alumnado xa comeu nas súas casas.

Este foi o décimo cuarto ano no que se celebraron estas peculiares eleccións. Nesta ocasión, o alumnado tivo que escoller entre seis posibilidades: churrasco con patacas fritas, pizza de xamón e queixo, peituga rebozada (nugets) con arroz e salsa de tomate, albóndegas con arroz e salsa de tomate, espaguetes á boloñesa con queixo e pescada rebozada con pasta tricolor. A listaxe de opcións de sobremesa contiña cinco opcións que eran o polo de xeado, xeado de corte de tres sabores, amorodos con nata, iogur de chocolate e flan con nata.

Dende o 2011 o churrasco con patacas fritas gañou en sete ocasións e a pizza de xamón e queixo dúas veces. En 2011, 2012 e 2013 gañou o churrasco, mentres que en 2014 e 2015 impúxose a pizza. Os catro últimos anos volveu a gañar o churrasco como o prato favorito dos nenos e nenas da Rede municipal de comedores escolares. 

Este ano o churrasco con patacas frita gañou nos comedores dos CEIP Agro do Muíño, Barouta e a Maía, mentres que a pizza de xamón e quixo impúxose nos comedores do CEP de Ventín e da EEI do Milladoiro. O xeado de xeo (polo de limón ou laranxa) gañou nos comedores dos CEIP da Maía e do Agro do Muíño, así como no CEP de Ventín, mentres que o xeado de corte de tres sabores foi a sobremesa máis votada nos comedores de Barouta e da EEI do Milladoiro. 

A NUTRICIONISTA ELIXE UN PRATO

O Concello fai valer a súa representatividade para elixir outro prato que completa o menú de fin de curso, de maneira que dúas comidas son decisión dos cativos e outra vén definida pola dirección da Rede municipal de comedores escolares. Deste xeito, o primeiro prato que se serviu foi unha ensalada mixta. Aínda que o curso rematou o día 21 de xuño, este menú serviuse o xoves 20 de xuño, porque o último día a gran maioría do alumnado xa comeu na súa casa.

Outro obxectivo que se busca con estas eleccións é que o alumnado aprenda os valores dunha educación en democracia e a respectar o que elixe a maioría. Ademais esta actividade serve para que o Concello coñeza os gustos e preferencias dos máis cativos a hora de xantar. Para realizar estas curiosas eleccións empregáronse as urnas que se empregan nos comicios municipais, autonómicos e estatais.



Comentarios