O roisense Martín Bouzas favorito no Campionato de España de Estrada

O roisense Martín Bouzas favorito no Campionato de España de Estrada
O roisense Martín Bouzas favorito no Campionato de España de Estrada

O ciclista de Rois é un dos nove corredores que defenderán as cores da Selección de Galicia en terras murcianas, onde se agarda moita calor

Este venres arranca o Campionato de España de Estrada na Región de Murcia cun galego como máximo favorito a colgarse o primeiro ouro. Martín Bouzas defende na contra o reloxo individual sub23 o título acadado o pasado ano en Castellón. O ciclista de Rois é un dos nove corredores que defenderán as cores da Selección de Galicia en terras murcianas, onde se agarda moita calor.

A primeira xornada deste evento está reservada á loita contra o cronómetro. Ás 10:00 horas porase en marcha a proba sub23 masculina, que se disputa nun percorrido de 21,7 quilómetros con saída e chegada na localidade de Yecla. Tradicionalmente a loita pola vitoria nesta categoría sempre estivo moi aberta, pero nos tres últimos anos Bouzas ten sido a gran referencia. O ciclista do Lizarte conquistou dos títulos de campión de España, no 2016 e no 2018, e acadou o bronce no 2017.

Nesta ocasión o circuíto é, en principio, favorable para un rodador do perfil de Bouzas, pois tras un primeiro sector pola rúas de Yecla os corredores encararán unha larguísima recta na RM-426 que vai picando constantemente cara arriba. Este tramo esixirá máxima concentración e haberá que ter moi en conta a forma na que incida o vento. Os quilómetros restantes de regreso a Yecla, que se realizarán pola mesma nacional en sentido contrario, serán moi rápidos e favorables.

Outro representante do combinado que dirixe Guillermo Sande tamén aspira a subir ao podio. Guillermo García, do Supermercados Froiz, proclamouse no 2017 campión júnior e o ano pasado na súa estrea na categoría sub23 logrou rematar quinto.

CARREIRAS EN LIÑA

A contra o reloxo Elite e Sub23 feminina, a partir das 11:30 horas, e a Elite e Elite UCI masculina, dende as 16:30 horas, completan a programación do primeiro día. O sábado comezarán as competicións en liña (09:30 horas) coa Sub23 masculina, na que a Selección de Galicia regresará a escena formando con nove ciclistas.

Abel Franco, Adrián Barros, Iván Feijoo, Aarón Mariño, José Carlos Amil, Alejandro Regueiro, Guillermo García, Raúl González e Martín Bouzas comporán a aliñación do conxunto autonómico. Os 157,8 km de percorrido están chamados a decidirse na subida ao Castillo de Lorca, que se coroará a catro quilómetros para a conclusión.

Pola tarde (16:30 horas) celebrarase a carreira Elite e Sub23 feminina e para o domingo (09:00 horas) quedará a Elite e Elite UCI masculina coa presenza de tres equipos galegos: Vigo-Rías Baixas, Supermercados Froiz e Aluminios Cortizo. Estas dúas probas raíñas poderán seguirse en directo a través de LaLigaSports

Comentarios