Cultura na rúa enche o verán de Ordes de teatro, monicreques e espectáculos aéreos

Cultura na rúa enche o verán de Ordes de teatro, monicreques e espectáculos aéreos
Cultura na rúa enche o verán de Ordes de teatro, monicreques e espectáculos aéreos

Dará comezo este domingo coa obra Romeo e Xulieta e continuará os venres durante o mes de xullo tendo a alameda como escenario principal

O Departamento de Cultura do Concello de Ordes vén de facer público o seu programa Cultura na rúa. Unha nova iniciativa artística que terá lugar, principalmente, todos os venres do mes de xullo e grazas á cal poderase desfrutar de balde de teatro, monicreques e espectáculos aéreos.

A primeira data terá lugar este próximo domingo, 30 de xuño, coa adaptación de Pablo Meixe da obra Romeo e Xulieta. Seguindo con teatro, Saabor é o título da peza que se representará o 5 de xullo, mentres que o día 12 será a quenda para os monicreques con A maxia do circo. Unha semana despois, o 19 de xullo, volverá o teatro con A Illa do tesouro, mentres que o día 26 se ofrecerán os aéreos de Sue Moreno. 

Todas as funcións levaranse a cabo ás 20 horas na alameda de Ordes, agás a do vindeiro domingo (Romeo e Xulieta) e a do día 19 (A illa do tesouro), que serán no auditorio da Casa da Cultura. Precisamente a este espazo trasladaranse o resto das citas no caso de que a chuvia impida facelas no exterior.



Comentarios