O Maker Faire Galicia xa quenta o seus motores

O Maker Faire Galicia xa quenta o seus motores
O Maker Faire Galicia xa quenta o seus motores

Entre as actividades que se poderán atopar o 6 e 7 de xullo atópase a Hebocon, unha competición de robots absurdos para a que non fai falta ter coñecementos previos de tecnoloxía, aberta a todas as idades, que este ano aspira a converterse na máis grande de España

Durante toda a fin de semana no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, de 10 da mañá a 8 da tarde, nenos, adultos e maiores poderán gozar de numerosas charlas e actividades para todos os gustos.  

Haberá charlas de diferentes temáticas, por exemplo a que dará Soledad Ayuso na que desmitificará a idade como un factor para ser maker, pois aos seus 75 anos unha das súas paixóns é a impresión 3D. Tamén participarán os mozos e mozas de UDC Big Bang que ofrecerán unha charla interactiva en grao sumo curiosa con motivo do 150 aniversario da orixe da táboa periódica. E un ano máis contaremos cunhas charlas autoorganizadas sobre tecnoloxía, esta vez xestionadas por Compostela  Tech.

Entre as actividades que se poderán atopar o 6 e 7 de xullo atópase a Hebocon, unha competición de robots absurdos para a que non fai falta ter coñecementos previos de tecnoloxía, aberta a todas as idades, que este ano aspira a converterse na máis grande de España. Tamén haberá unha exhibición e un espazo interactivo de drons onde se poderán ver e pilotar estes dispositivos. Outra das actividades a destacar será a creación por parte dos asistentes de auténticas galiñas robóticas, ou pitabots, coas que poderán participar en concursos e espectáculos ao longo da fin de semana.

En canto a expositores este ano repite Bruno Moya, finalista na pasada edición, que virá para presentar a evolución do seu proxecto Glassear. Por outra banda o equipo As Acacias Bot, composto por 10 alumnas de ESO, que conseguiron o terceiro premio na Final Internacional First Lego Plan Ceibal, virán para expoñer o seu proxecto con todo luxo de detalles.

Tamén haberá unha chea de talleres tanto para nenos como adultos. Un deles é o desenvolto por Guille Martínez, que consistirá na realización de próteses en impresión 3D para envialas posteriormente á xente que as necesite, como fai co seu proxecto Axúdame 3D. Aprender sobre arduino, realizar actividades de artesanía ou crear experimentos científicos son outras das actividades propostas. A entrada é gratuíta para menores de 14 e maiores de 65 anos, para os demais terá un custo de 5 euros para os dous días que dura o evento.

Comentarios