Os mellores cociñeiros de Galicia enfréntanse hoxe para elexir a mellor tapa

Os mellores cociñeiros de Galicia enfréntanse hoxe para elexir a mellor tapa
Os mellores cociñeiros de Galicia enfréntanse hoxe para elexir a mellor tapa

De tapas por Galicia enmárcase no obxectivo da Xunta por difundir a creatividade e innovación dos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo urbano

A cidade de Santiago de Compostela acolle hoxe un ano máis a celebración da Gala Showcooking De tapas por Galicia, que cumpre a súa quinta edición e na que se elixirá ao mellor cociñeiro de petiscos deste ano, de entre os representantes das sete grandes cidades galegas que foron previamente gañadores dos concursos locais de tapas que se celebraron durante o pasado ano.

A iniciativa, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo, busca recoñecer a calidade e innovación do sector hostaleiro galego e a súa implicación na promoción turística das cidades. O acto será un evento de cociña en directo, no que os aspirantes elaborarán as súas propostas ante os asistentes. Serán sometidas á valoración dun xurado de profesionais relacionados co turismo e a enogastronomía, que decidirá quen é o Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia, en función do sabor, a orixinalidade, estética e capacidade de fusión dos ingredientes. Tamén se outorgará premio na categoría de Xurado Popular, que estará conformado polo público asistente á gala.

A final do certame deste ano contará coa participación de Pablo Fuentes, gañador do Tapéate Ferrol (Ferrol); Nelssy Soriano, do Concurso de Tapas Picadillo (A Coruña); Tomás Rubio, gañador de Santiago(é)Tapas (Santiago de Compostela); Rubén González, gañador de Pontedetapas (Pontevedra); Pedro Méndez, gañador do concurso de Tapas Petisquiño (Vigo); Paco Gómez, gañador do Concurso de Pinchos Sabores de Ourense (Ourense) e Alejandro Méndez e Alejandro Ares, gañadores do Concurso de Tapas de Lugo (Lugo). 

De tapas por Galicia enmárcase no obxectivo da Xunta por difundir a creatividade e innovación dos cociñeiros galegos como elemento de promoción do turismo urbano. Ten en conta tamén o feito de que os visitantes se interesen cada vez máis pola enogastronomía, onde a cociña en pequeno formato se posiciona como unha oportunidade para promover a cociña galega en calquera época do ano. Trátase de aspectos que son tidos moi en conta na estratexia enogastronómica Galicia Sabe impulsada polo Goberno autonómico, que se centra tanto na cociña de vangarda como na máis tradicional. 

Comentarios