Os rapaces de Ames participarán este verán nos campamentos municipais do Concello de Ames

Os rapaces de Ames participarán este verán nos campamentos municipais do Concello de Ames
Os rapaces de Ames participarán este verán nos campamentos municipais do Concello de Ames

Este ano estas actividades comezaron o pasado 25 de xuño e realizaranse ata o 2 de setembro

O Concello de Ames organiza para todos os veráns un programa de campamentos municipais. Este ano estas actividades comezaron o pasado 25 de xuño e realizaranse ata o 2 de setembro. En total, dito programa inclúe a realización de 9 campamentos diferentes ao do longo do verán. Sete destes campamentos son organizados pola Aula da Natureza e dous pola OMIX. 

Coa súa organización, búscase ofrecer unha oferta formativa de desenvolvemento persoal concibida para, de xeito progresivo, dotar ás crianzas e ás mozas e mozos das ferramentas precisas para lograr a autonomía e a independencia, ao tempo que se promove a cooperación e o respecto, ademais dun estilo de vida saudable ligado ao medio natural, ao deporte e á cultura. Nestes nove campamentos participarán uns 408 rapazas e rapaces.

Cada campamento, dos 9 que o Concello de Ames organizou para xuño, xullo e comezos de setembro, ten as súas propias características; porén todos comparten o obxectivo de ofrecer ás rapazas e rapaces amesáns unha alternativa de lecer e educativa durante o verán. Sobresae, asemade, o compoñente ambiental común a todos eles. Os primeiros en realizarse foron os das Fervenzas do Toxa, que se desenvolveron do 25 ao 27 de xuño. Os días 25 e 26 de xuño acudiron a este campamento 12 nenos e nenas de 4 e 5 de infantil, mentres que do 25 ao 27 de xuño participaron neste mesmo campamento 22 rapaces e rapazas de 6º de infantil.

Os seguintes campamentos que se van a desenvolver esta mesma semana son os de Mar de Arousa, o Galipark multiaventura e o das Fragas do Eume. Deste xeito, do 2 ao 5 de xullo, 98 rapaces e rapazas de 3º e 4º de educación primaria participarán no campamento de multiaventura Galipark, onde terán actividades como escalada e tirolina, kayak, cars ou xogos cooperativos, entre moitos outros.

Ademais, do 1 ao 6 de xullo, 49 rapaces e rapazas de 5º de primaria participarán no campamento das Fragas do Eume, onde participarán en xogos de orientación, escalada, raid, sendeirismo e outras actividades acuáticas. Nestas mesmas datas, do 1 ao 6 de xullo, 65 rapaces e rapazas acudirán ao campamento Mar de Arousa, dirixido a rapaces/as de 6º de primaria, que poderán practicar snorkel, bodyboard, xincanas na praia e moitas outras actividades.

Por outra banda, a finais do mes de xullo, do 29 ao 31 de xullo, 43 rapaces e rapazas acudirán á Granxa-Escola Barreiros, onde realizarán traballos de granxa e horta, teares, actividades sobre astronomía, e moitos xogos populares e grandes veladas. Ademais, durante o mes de xullo desenvolverase o campamento urbano da Aula da Natureza no que participarán32 nenos/as de 6 a 14 anos. Este campamento realizarase entre os días 8 e 20 deste mes, de luns a venres, en horario de 16:00h a 20:00 horas. 

CAMPAMENTOS XUVENÍS

Durante o mes de xullo tamén se realizarán dous campamentos dirixidos a mozas e mozos de educación secundaria e bacharelato. Desta maneira, entre o 14 e o 20 de xullo, 48 rapazas e rapaces de 1º a 3º de ESO participarán no campamento xuvenil Diverlanhoso de Portugal. Case nas mesmas datas, entre o 15 e o 20 de xullo, o alumnado de 4º da ESO a 2º de bacharelato terá a oportunidade de asistir á saída Aventura por Asturias. Neste campamento participarán 30 mozos e mozas.

CAMPAMENTO NO MES DE SETEMBRO

O último campamento do verán desenvolverase entre o 28 de agosto e o 2 de setembro, na Granxa Escola Kirico. Nel participarán 38 rapaces e rapazas entre os 6 e os 16 anos. As actividades que se desenvolverán serán diferentes segundo as idades dos participantes. Coidarán animais de granxa, participarán en actividades de hípica, piscina, hora sostible, piragüismo, xogos de cooperación e deportivos, xornadas temáticas e grandes xogos nocturnos.

Comentarios