As poetas Chus Pato, Bibiana Bernal e Àngels Moreno falarán de poesía na libraría Chan da Pólvora

As poetas Chus Pato, Bibiana Bernal e Àngels Moreno falarán de poesía na libraría Chan da Pólvora
As poetas Chus Pato, Bibiana Bernal e Àngels Moreno falarán de poesía na libraría Chan da Pólvora

O acto estará conducido polo poeta e editor pontevedrés Marcus Daniel Cabada

A librería Chan da Pólvora  acollerá hoxe luns 8 de xullo unha conversa entre as poetas Chus Pato (Ourense, 1955), Bibiana Bernal (Colombia 1985) e Àngels Moreno (Valencia, 1993). As autoras falarán dos procesos de escrita en lingua galega, española e catalana —respectivamente— e da xestación das súas últimas obras: Un libre favor (Chus), Pájaro de piedra (Bibiana) e L’usurpador (Àngels). O acto estará conducido polo poeta e editor pontevedrés Marcus Daniel Cabada.

CHUS PATO é unha das poetas máis relevantes da poesía galega actual. Académica de número da RAG e profesora de Xeografía e Historia no Ensino Secundario, é autora dos poemarios “Urania” (1991), “Heloísa” (1994), “Fascinio” (1995), “A ponte das poldras” (1996), “Nínive” (1996), “m-Talá” (2000), “Charenton” (2004), “Hordas de escritura” (2008), “Secesión” (2009), “Carne de leviatán” (2013) e “Un libre favor” (2019). Recibiu, entre outros, os premios de poesía Losada Diéguez (1997, por “Nínive”; 2009, por “Hordas de escritura”) e o Premio da Crítica en lingua galega (2008, por “Hordas de escritura”).

BIBIANA BERNAL (Colombia, 1985) é poeta, narradora, editora independente e xestora cultural. Autora dos poemarios “Silencios de Hadaverde” (2007), “Pájaro de piedra” (2016) e de varias antoloxías de conto e minificción, coordina Cuadernos Negros, editorial creada fai 13 anos que conta cun catálogo de máis de 100 títulos. É directora, así mesmo, da Fundación Pundarika, amais de ser cofundadora da Red de Editoriales Independientes Colombianas (REIC). Recibiu, entre outros, os premios de poesía Comfenalco (2003), Gobernación de Quindío (2016), a Medalla ao Mérito Literario de Calarcá (2010) e foi Finalista do Premio Nacional de Poesía de Colombia. Textos seus aparecen publicados en antoloxías e revistas nacionais e internacionais. Parte da súa obra foi traducida ao grego, inglés, francés e romanés.

ÀNGELS MORENO (Valencia, 1993) publicou en catalán os libros de poesía “Clarobscur” (Neopàtria 2014), “Extrema a allegoria” (Premio Literatura Breve de Mislata 2015, Ayuntamiento de Mislata) e “L’usurpador” (Pagès Editors 2017, XIX Premio de Poesía Maria Mercè Marçal), amais de ser incluída na antoloxía catalán-portugués "Mare Omnium" (Lastura, 2015) e na antoloxía "Entre paraules i versos" (Universidad de Alicante, 2016). No 2018 traballou coa artista plástica Teresa Vall-Palou no libro "La festa de l’intocable", dentro da exposición “Mira’t en arxipèlag”, da mesma artista, e así mesmo nunha retrospectiva do pintor catalán Joan Claret. No ámbito do ensaio e da crítica literaria obtivo o premio Llegir 2015, da Fundación Bromera, polo artigo "Anatomia dels espills". Algúns dos seus poemas foron traducidos ao romanés e ao portugués.

Comentarios