Veciños de Brión cubriron esta fin de semana a primeira etapa da Ruta dos Faros, entre Malpica e Niñóns

Veciños de Brión cubriron esta fin de semana a primeira etapa da Ruta dos Faros, entre Malpica e Niñóns
Veciños de Brión cubriron esta fin de semana a primeira etapa da Ruta dos Faros, entre Malpica e Niñóns

Ata este xoves 4 de xullo está aberta a inscrición na Ruta do Río Pequeno, polo Courel, que terá lugar este sábado 6 de xullo

Un total de 52 veciños e veciñas de Brión cubriron esta fin de semana a primeira etapa da Ruta dos Faros, percorrendo os 22 quilómetros que separan a vila de Malpica da praia de Niñóns. A expedición partiu en autobús ás 9:00 horas da carballeira de Santa Minia con destino ao faro do porto de Malpica, vila que percorreron camiño á ermida de San Adrián, dende onde desfrutaron dunha ampla panorámica tanto de Malpica como das Illas Sisargas.

A expedición seguiu entón polos camiños de pescadores, cruzando os cantís que os levaron ás praias de Seiruga e Barizo, onde fixeron unha parada antes de afrontar a subida ao Monte Nariga, ata chegar ao faro de Punta Nariga, obra do arquitecto César Portela, quen tamén deseñou a contorna da carballeira de Santa Minia da que partiran horas antes. Dende aló percorreron os últimos quilómetros da ruta polas Penas do Rubio e a enseada do Lago ata finalizar na praia de Niñóns.

RUTA DO RÍO PEQUENO

Para este sábado 6 de xullo está programada a Ruta do Río Pequeno, 15 quilómetros entre Seoane do Courel e Lugo. Nesta ocasión, a saída da expedición adiantarase unha hora: ás 8:00 horas da carballeira de Santa Minia. Os 8 euros da inscrición inclúen o desprazamento en autobús ata o inicio da ruta e a volta ao mesmo lugar. Os participantes levarán comida tipo pic-nic para o xantar, así como calzado cómodo e axeitado.

Para esta andaina tamén están convocadas 52 prazas, que serán outorgadas por rigorosa orde de inscrición na Casa da Cultura de Brión ou no 981 50 99 69. O prazo límite de inscrición son as 14:00 horas do xoves 6 de xullo.

Comentarios