Sinalan que o número das vítimas de violencia machista quintuplan as cifras oficiais

Sinalan que o número das vítimas de violencia machista quintuplan as cifras oficiais
Sinalan que o número das vítimas de violencia machista quintuplan as cifras oficiais

María Pierres advirte de que a cifra real de vítimas é “silenciada e invisibilizada” en Galicia

A portavoz socialista de igualdade, María Pierres, alertou onte de que o número real de vítimas da violencia de xénero é “silenciado e invisibilizado” en Galicia. Na comparecencia en Comisión da secretaria xeral de Igualdade, sinalou que o número real das mulleres que sofren violencia de xénero en Galicia quintuplica as cifras oficiais que presenta o goberno galego.

Explicou que de acordo cos datos dos últimos dez anos “chegaríamos a cifras que sen dúbida nos darían calafríos, porque suporía que 1 de cada 4 mulleres galegas ten sufrido algún tipo de violencia, xa sexa puntual ou continuada”. Estes datos desbotan, sinalou, a idea das denuncias falsas, amosando que “hai un 80 por cento das vítimas que nin sequera denuncian a situación de violencia que están a  sufrir”.

Advertiu da vulnerabilidade das mulleres con discapacidade, “as cales supoñen o 6,7 por cento das beneficiarias totais das axudas” e lembrou a ameaza que padecen as mulleres no ámbito rural, “as cales representan o 51 por cento das mulleres beneficiarias das axudas procedentes do Goberno galego, máis da metade do número total de mulleres vítimas de violencia de xénero”.

Pierres sinalou os datos pouco optimistas das políticas da Xunta en materia de trata sexual, os cales amosan que no 2017 “só houbo dúas beneficiarias das axudas da Xunta provenientes da trata sexual sendo esta a situación máis clara de dominación”. Amosou a súa sorpresa cara os baixos casos de beneficiarias de trata sexual expostos pola Xunta, a pesar “dos casos de trata sexual coñecidos nos últimos anos que foron desarticulados polas forzas do Estado”. 

Denunciou que as mulleres beneficiarias destas axudas “teñan que demostrar o cese da convivencia co seu agresor ou maltratador cun mínimo de 12 meses” e instou á Xunta a promover medidas específicas para “aquelas mulleres supostamente empoderadas que tamén sofren de violencia e as cales ese encasillamento é o que lles impide dar o paso de denunciar ó seu agresor”.

Comentarios