O Campus da Fundación Celta de Vigo remata cunha visita dos participantes ao estadio de Balaídos

O Campus da Fundación Celta de Vigo remata cunha visita dos participantes ao estadio de Balaídos
O Campus da Fundación Celta de Vigo remata cunha visita dos participantes ao estadio de Balaídos

A actividade desenvolveuse no campo municipal do Milladoiro entre o 24 e o 28 de xuño, e rematou cunha visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaídos

O Concello de Ames acolleu en xuño unha nova edición do campus de fútbol da Fundación Celta de Vigo, no que participaron un total de 35 nenos e nenas de 4 a 16 anos. A actividade, que se desenvolveu no campo municipal do Milladoiro entre o 24 e o 28 de xuño, rematou cunha visita ás instalacións do Estadio de fútbol de Balaídos. Durante cinco días, os e as participantes perfeccionaron distintos conceptos relacionados co fútbol e o deporte baixo a dirección de adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo. 

Por sexto ano consecutivo, o campo de fútbol municipal do Milladoiro acolleu o Campus da Fundación Celta de Vigo, unha iniciativa que ten como obxectivo o ensino e o perfeccionamento de tódolos conceptos relacionados co fútbol e o deporte. Así, as 35 rapazas e rapaces que participaron nesta edición recibiron unha formación técnica especializada de primeiro nivel, impartida por adestradores titulados e licenciados na disciplina do Real Club Celta de Vigo.

Durante as distintas sesións deste campus, que se desenvolveron do 24 ao 28 de xuño, os monitores empregaron unha metodoloxía semellante á aplicada nas categorías inferiores do Celta, baseada nun sistema de adestramento rotativo dividido nas áreas de coordinación-psicomotricidade, técnica, táctica, e competición e multideporte. Debido ao esforzo do adestramento, os participantes recibiron un pequeno almorzo todos os días, composto por un bocadillo, froita, auga e bebidas isotónicas. Asemade, cada neno/a que participou nesta actividade recibiu un equipamento oficial de marca ADIDAS, composto por uns calcetíns, unha camiseta e un pantalón.

Por último, o venres 28, os e as participantes visitaron as instalacións do Estadio de fútbol de Balaídos. Durante a mañá, as rapazas puideron ver de primeira man o vestiario do primeiro equipo do Real Club Celta de Vigo, a sala de prensa, o túnel dos vestiarios e o mailo terreo de xogo. Ademais, cada un dos cativos e cativas recibiron un diploma e un detalle para conmemorar a súa participación no campus.

Comentarios
Lo más