Fin de curso para os participantes do programa Amessan

Fin de curso para os participantes do programa Amessan
Fin de curso para os participantes do programa Amessan


Para celebralo, realizarase unha festa na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 19.00h, na que actuarán os grupos de panderetas de Bugallido, Trasmonte, Ameixenda e Lens


O curso 2018-19 do programa de envellecemento activo ‘Amessan’ chega ao seu fin este xoves, 4 de xullo. Para celebralo, realizarase unha festa na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 19.00h, na que actuarán os grupos de panderetas de Bugallido, Trasmonte, Ameixenda e Lens. Tamén se realizará unha exposición con algunhas das pezas elaboradas polo alumnado dos obradoiros de manualidades. A esta festa están convidados os participantes deste programa, así como toda a veciñanza de Ames. O programa amessán consta dunha serie de obradoiros de distinta temática, dirixidos a persoas maiores de 60 anos.

Os e as participantes do programa Amessán despiden este curso cunha festa na que farán repaso de todo o feito ao longo dos últimos nove meses. O acto contará coas actuacións dos grupos de pandeireta de Ameixenda, Bugallido, Lens e Trasmonte, no que  cada un deles tocará catro pezas propias, ademais de dúas comúns. Así, Ameixenda interpretará as pezas Xota e muiñeira de Pigarzos, Pasodoble de Gargamala, Canto de Carantoña e Punteada de Folgoso, e Muiñeira de Toutón.

Bugallido, pola súa banda, subirá ao escenario para tocar Danza e valse das Cortellas, Canto de Barilongo, Pateado da Ponte e Muiñeira do Canizo; mentres que Lens tocará Ribeirada de Lira, Canto e danza Painceiros, Aña de Xabazáns e muiñeira, e Xota de Liñares. O grupo de Trasmonte interpretará Canto e muiñeira de Reboredo, Xota e pasodoble de Berdeogas, Pandeiretada de Outes e Xota e pasodoble de Liñares. No tocante ás pezas conxuntas, os catro grupos tocarán a Foliada de Nadela e Muiñeira corrida de Carballo.

As persoas asistentes tamén poderán ver a exposición de pezas, instalada nas dependencias da Casa da Cultura, elaboradas nos obradoiros de manualidades. Así, varios alumnos e alumnas achegarán algunhas das pezas elaboradas durante o último curso nos talleres impartidos nos locais sociais de Agrón, Cruxeiras e Trasmonte. Por último, a festa rematará cun percorrido por algunhas das actividades organizadas ao abeiro do programa amessán durante o curso.

PROGRAMA AMESSAN

Este programa de envellecemento activo, destinado a persoas maiores de 60 anos, inclúe actividades de ximnasia terapéutica e de manualidades, así como obradoiros de música tradicional e de memoria. Estas actividades desenvólvense nas Casas de Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro e nos locais sociais de Agrón, Ameixenda, Augapesada, Bugallido, Covas, Cruxeiras, Lens, Piñeiro, Tarroeira e Trasmonte.

Comentarios
Lo más