A mostra “Colectiva dun Colectivo” inaugúrase hoxe no Centro Galego de Arte Contemporáneo

A mostra “Colectiva dun Colectivo” inaugúrase hoxe no Centro Galego de Arte Contemporáneo
Fotografía: Ramón Yoshimura
A mostra “Colectiva dun Colectivo” inaugúrase hoxe no Centro Galego de Arte Contemporáneo

Será hoxe venres 5 de xullo ás 20:00 horas no Centro Galego de Arte Contemporáneo

A exposición Colectiva dun Colectivo é o resultado do desenvolvemento de Na Varanda, un programa artístico-educativo deseñado e dirixido por Candela Rajal, de Plano Pementa, e Rebeca Mariño, de 7H Cooperativa Cultural, para o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) co obxectivo de construír un espazo de encontro e intercambio entre o museo, o seu patrimonio cultural e a cidadanía compostelá.

Ao longo de sete meses, as persoas participantes no proxecto traballaron crítica, reflexiva e colaborativamente arredor das claves da arte contemporánea e dos procesos de creación de exposicións museísticas a fin de converterse en suxeitos culturais activos a través do deseño, produción e comisariado colectivo dunha mostra artística.

Para a súa materialización, as integrantes do programa -procedentes de diferentes ámbitos e distintos niveis formativos -, realizaron unha selección de obras da colección do CGAC, coas que dialogaron creativamente a partir dos conceptos de espello e diferenza, é dicir, das identificacións e distancias que cada obra suscita nas distintas subxectividades.

Así, en Colectiva dun Colectivo, pezas das artistas galegas Vari Caramés, Rita Rodríguez, Virxilio Viéitez, Tatiana Medal, Alberto Barreiro, Álvaro Negro, Ana Fernández, Manuel Sendón, Suso Fandiño e Patricia Dopico, adquirennovos significados nun discurso polifónico no que se mesturan inquedanzas, sensibilidades, necesidades e realidades sociais que, en moitos casos, adoitan carecer de representación nas institucións culturais. 

Unha apropiación que, transformada nun contido integrado na programación do museo, será presentada polas participantes do proxecto o día da inauguración, na que tamén se encargarán de realizar as visitas guiadas explicando o proceso creativo e atendendo aos medios de comunicación.

Comentarios
Lo más