Manuel Lago deixa claro que eles son En Marea e Villares o Grupo Mixto

Manuel Lago deixa claro que eles son En Marea e Villares o Grupo Mixto
Manuel Lago deixa claro que eles son En Marea e Villares o Grupo Mixto

Lago tamén lembrou que "non lle imos permitir a Feijóo, nin a Tellado nin a ningún deputado que nos diga como nos temos que chamar"

O novo voceiro do Grupo Parlamentario En Marea, Manuel Lago, deu onte conta en rolda de prensa trala Xunta de Portavoces do Parlamento de Galicia das iniciativas políticas que o grupo trasladára ao vindeiro pleno na Cámara galega. A pregunta ao presidente Feijóo que lle formulará Lago versará sobre a crecente desigualdade económica e social que sofre o noso país. O resto de iniciativas centraranse en tres eixos de acción: a exclusión habitacional, cunha proposición non de lei sobre os prezos de alugueiro, a defensa dos servizos públicos, cunha pregunta urxente ao Goberno sobre a privatización dos servizos sanitarios e outra pregunta sobre o peche do CRA de Narón e unha interpelación sobre a trata de brancas e branqueo de capitais na que está implicado o que fora militante do PP e creador de Xóvenes Agricultores, Juan Pérez Miramontes.

Lago, que dixo asumir "encantado" a función de voceiro para trasladar ao Parlamento "os problemas do país", sinalou que o grupo parlamentario inicia agora un proceso de reordenación do traballo para reconfigurar a presenza das deputadas e deputados nas diferentes comisións. o GP En Marea contará cun deputado/a por comisión. "Os custes de que tres deputados e unha deputada decidiran marchar ao Grupo Mixto asumímolo nós, o GP En Marea, rebaixando de 2 a 1 a nosa presenza nas comisións para aforrarlle os sobrecustes desta decisión ao Parlamento de Galicia", sinalou o voceiro do grupo, que lembrou que o PSOE contará con 2 deputados por Comisión 14 deputados, nós 1 con 10 deputados, igual ao BNG e o Grupo Mixto que con 6 e 4 deputados terán a mesma representación ca nós".

Con respecto á nomenclatura do grupo, Manuel Lago quixo deixar claro que "a denominación oficial do noso grupo é Grupo Parlamentario En Marea e Villares é o portavoz do Grupo Mixto". Nese senso, fixo fincapé en que "En Marea toma as súas propias decisións e non lle imos permitir nin a Feijóo, nin a Tellado nin a ningún outro deputado que nos chame de xeito diferente". Lago lembrou que o voceiro do Grupo Mixto Luís Villares fixo unha petición ó Parlamento de Galicia para denominarse En Marea e ésta foi rexeitada pola Cámara, "porque ese grupo xa existe". 

Comentarios