Preséntase a primeira tese doutoral da Unidade Mixta Roche-CHUS

Preséntase a primeira tese doutoral da Unidade Mixta Roche-CHUS
Preséntase a primeira tese doutoral da Unidade Mixta Roche-CHUS

Os resultados desta tese poderían axudar no futuro aos oncólogos a facer unha avaliación máis precisa do estado do tumor dos pacientes ao longo da evolución da enfermidade

Logo de algo máis de tres anos en funcionamento, a Unidade Mixta Roche-CHUS segue cultivando éxitos. Agora, acaba de presentar a primeira tese doutoral da Unidade, un traballo de Tais Pereira, da liña de Biopsia Líquida, que consistiu en profundar na bioloxía das células tumorais circulantes (CTCs) e avaliar a súa utilidade como ferramenta de monitoraxe en pacientes con cancro metastásico.

Con este obxectivo se illaron e caracterizaron as CTCs de pacientes con cancro de mama para determinar o seu perfil de expresión xenética e identificar biomarcadores asociados coa resistencia á terapia. Ademais, avaliouse o valor prognóstico dos marcadores identificados e a súa relación cos parámetros clínicos dos pacientes. Así mesmo, se desenvolveu e caracterizou un modelo experimental pre-clínico a partir das CTCs dunha paciente con cancro de mama tripla negativo, o primeiro conseguido ata a data.

Neste traballo tamén se validou un novo sistema de illamento de CTCs desenvolto polo INL de Braga ( Iberian Natechnology Laboratory) para illar e caracterizar CTC de pacientes con cancro colorrectal metastásico. 

As conclusións desta tese permitiron avanzar no coñecemento da bioloxía da poboación tumoral circulante e identificar marcadores con interese prognóstico que poderían axudar aos oncólogos para facer unha avaliación máis precisa do estado do tumor dos pacientes ao longo da evolución da enfermidade.

A tese, que obtivo a máxima cualificación “cum laude por unanimidade”, foi dirixida polas doutoras Clotilde Costa e Laura Muinelo. A doutora Costa é responsable da Liña de Biopsia Líquida da Unidade Mixta Roche-CHUS. En 2013 incorpórase ao grupo de Oncoloxía Médica Traslacional no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela no proxecto Europeo InveNNta onde se centrou no illamento e caracterización de CTCs en pacientes metastásicos. Pola súa banda a doutora Muinelo é, desde o ano 2012, responsable da Unidade de Análise de Biopsia Líquida do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS). Esta unidade está especializada no estudo de Biopsia Líquida como ferramenta para caracterizar os tumores e levar a cabo unha Oncoloxía máis personalizada en distintos tipos de cancro (colon, mama, próstata, pulmón, ovario, cabeza e pescozo, endometrio, etc).

A UNIDADE MIXTA ROCHE-CHUS

A Unidade Mixta Roche-CHUS é unha iniciativa de Roche Farma e o grupo de Oncoloxía Médica Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS), financiada pola Axencia Galega de Innovación da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e creada para desenvolver solucións innovadoras que melloren o diagnóstico, tratamento, avaliación e monitoraxe do cancro de mama e próstata de maneira individualizada. 

Este grupo de traballo investiga en tres liñas: Biopsia Líquida, Nano-Oncoloxía e Modelización.

Tras a defensa da súa tese, o equipo de Biopsia Líquida conta cunha nova doutora, Tais Pereira, que seguirá desenvolvendo o seu labor investigador na área que dirixe a doutora Clotilde Costa Nogueira. A Unidade estuda os procesos metastásicos coa finalidade de obter resultados con aplicación clínica maximizando as posibilidades de que a investigación reverta no Sistema de Saúde no menor tempo posible. Deste xeito preténdese mellorar as expectativas e calidade de vida dos pacientes a través da oncoloxía de precisión.

A liña de Biopsia Líquida da Unidade Mixta Roche-CHUS céntrase no estudo do material tumoral presente en distintos fluídos biolóxicos, principalmente sangue de pacientes con cancro de mama e próstata, co obxectivo de buscar biomarcadores de prognóstico e resposta, resistencia a terapias, e dianas terapéuticas.

A Unidade Mixta Roche-CHUS de Oncoloxía de Precisión, cuxa labor foi ampliada ata 2021, xa rexistrou dúas patentes desde a súa creación en 2016, unha relacionada coa área de Nano-Oncoloxía e outra orientada á Biopsia Líquida con células tumorais circulantes (CTC) ademais de contar con máis de 40 comunicacións en congresos e varias publicacións.

Comentarios