Os morcegos poderían ser as claves na mina de Touro-O Pino

Os morcegos poderían ser as claves na mina de Touro-O Pino
Os morcegos poderían ser as claves na mina de Touro-O Pino

Resultaría paradóxico se, finalmente, é unha comunidade de morcegos de ferradura a arma decisiva que consegue frear aos vampiros extractores de minerais

Fai máis dun ano, membros de Drosera, asociación para o estudo e conservación do medio natural que desenvolve desde 2007 o programa “Morcegos de Galicia”, realizaron unha visita á contorna do proxecto de ampliación da mina de Touro, a fin de comprobar a presenza de morcegos na antiga mina. No posterior informe elaborado ao efecto advertiron, dentro dunha galería de mina abandonada no terreo do novo proxecto, a presenza de exemplares de Rhinolophus ferrumequinum (morcego de ferradura grande) e evidencias de que existe un gran número de individuos nesa galería ao longo do ano, pola gran cantidade de guano (acumulación masiva de excrementos de morcegos) presente no fondo da cavidade.

A pesar de que esta especie está catalogada como vulnerable no Catálogo Español de Especies Ameazadas (RD 139/2011) ou como Especie de fauna estritamente protexida no Anexo II do Convenio de Berna, entre outros, o Estudo de Impacto Ambiental do proxecto de mina de cobre a ceo aberto de Cobre San Rafael non reflicte a súa existencia e, por tanto, non o contempla como afectado. De feito, o documento “Descrición do medio afectado” recolle que non foron identificadas especies con algún réxime de protección no interior dos terreos do proxecto mineiro.

Como recolle o informe da Asociación Drosera, o feito de ser unha especie catalogada esixe un estudo do uso da cavidade pola especie ao longo do ano a fin de determinar o tamaño do grupo, a época en que están presentes na mina e que tipo de refuxio acolle a galería (se é hibernación, cría, transicional ou de apareamento).

Este informe, do que hai xa tempo ten constancia a Xunta de Galicia, pasa a engrosar a lista dos documentos que reflicten evidencias de que o proxecto de Cobre San Rafael non é viable desde ningún punto de vista razoable.

Son diversos os informes técnicos que recollen unha afección da explotación de cobre ao medio natural, así por exemplo, a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias pon de manifesto a grave afección que a explotación mineira pode orixinar nas explotacións gandeiras, cualificando a contorna da mina como “zona especialmente gandeira”.

Así mesmo, desde a Dirección Xeral de Ordenación Forestal apuntan que o proxecto determinaría un evidente prexuízo para as explotacións forestais existentes na zona, o cal non foi debidamente ponderado no Estudo de Impacto Ambiental que presenta a empresa promotora. De feito, no devandito informe recóllese que “o desenvolvemento dunha explotación mineira en chan rústico de especial protección forestal non pode ser considerado como compatilbe cos usos forestais en aplicación á lexislación sectorial na materia”.

No mesmo sentido exprésase o informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural ao mencionar a proximidade do proxecto ao espazo protexido Rede NATURA 2000 Sistema Fluvial Ulla – Deza, enumerando os hábitats de interese comunitario presentes na zona e as especies protexidas existentes na mesma, destacando como deficiencias a ausencia de avaliación da repercusión da explotación realizada sobre o medio ambiente para poder acreditar a inocuidade da proposta.

Dentro da demarcación do Proxecto Touro atópanse 4 hábitats de interese comunitario para os que Cobre San Rafael non contempla ningún tipo de protección, polo que parece darse por feito a súa destrución, a pesar das advertencias do informe da Dirección Xeral do Patrimonio Natural con respecto á afección ás especies do hábitat 4030 (brezales secos europeos) nos termos establecidos na Lei de Patrimonio Natural e Biodiversidade, xa que son “tipos de hábitats naturais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación.”

Tal e como a empresa ten proxectado levar a cabo a actividade extractiva, as 24 horas dos 365 días de cada un dos 15 anos de labores, con voaduras de roca a diario nas que usarán entre 9 e 16 toneladas de explosivos en cada unha e nunha zona con alto contido en sulturos e repleta de residuos procedentes de lodos de depuradoras tratados como tecnosoles depositados nas zonas abandonadas da anterior explotación, o impacto sobre a fauna e a flora da contorna, incluída a fauna acuática do río Ulla ata a súa desembocadura na Ría de Arousa, terá consecuencias difíciles de asumir para as próximas xeracións.

Outro factor que pode incidir gravemente sobre o medio natural, derivado da actividade mineira anterior en Touro é a entulleira de residuos mineiros, incluída no catálogo de entulleiras clausuradas perigosas de España, o que supón un grave risco de incendios, tal e como manifestou recentemente a Fiscalía especializada no medio ambiente, que apunta que é necesario que “se extremen as precaucións sobre esas entulleiras, unhas instalacións que moitas veces están detrás dos lumes.”

Ao longo das últimas décadas fixéronse públicos diversos ensaios científicos sobre a incidencia negativa da antiga mina de Touro, cuxa contaminación supuxo unha grave deterioración na flora e a fauna da contorna, específicamente no río Ulla onde, entre outros males, o seu afluente Brandelos quedou desprovisto de microinvertebrados e de peixes, como recollía Jesús Santamarina en 1995, e os salmóns acumulaban nas súas escamas 7 veces máis cobre do normal, como reflectía o estudo no que colaboran a Universidade de Vigo, o CSIC e a Universidade de Swansea. Especial referencia debemos facer ao estudo recentemente publicado pola revista científica Acta Geochimica, titulado 'Effects of copper mining on heavy metal contamination in a rice agrosystem in the Xiaojiang River Basin, southwest China', no que científicos chineses, buscando paralelismos coa mina de cobre de Dougchuan, fan referencia ao caso da mina de Touro e a súa contorna, onde se detectaron metais pesados, para concluír que “estes achados mostran inequivocamente que a minería de cobre ten un gran impacto por metais pesados nun agrosistema próximo á mina de cobre de Dongchuan”, e engaden que “a rega con augas residuais a longo prazo, especialmente a deposición de sedimentos, diminuíu o pH do chan e incluíu acumulación de metais pesados nos chans fluviais ao longo do río Xiaojiang.”

Queda patente pois, científicamente, que son múltiples os prexuízos que unha nova extracción de cobre conlevaría, cando o medio natural está a dar síntomas da “enfermidade” da antiga mina. Non o din catro tolos, senón profesionais especialistas en distintas áreas científicas de distintos puntos da xeografía, tanto galega como internacional.

Mentres tanto, a Xunta de Galicia, con todas estas evidencias sobre a mesa, segue dilatando inexplicablemente un procedemento cuxos prazos legais están máis que sobradamente caducados. Por que? Coa lei na man, a que están a esperar para ditar unha resolución?

Comentarios
Lo más