Ames volve abrir a súa radio municipal aos veciños do concello

Ames volve abrir a súa radio municipal aos veciños do concello
Ames volve abrir a súa radio municipal aos veciños do concello

Calquera persoa, asociación ou entidade de Ames poderá presentar os seus proxectos para a gravación e emisión dun programa de radio

O Concello de Ames abre unha nova convocatoria para presentar proxectos de programas de radio para emitir entre os meses de outubro e xuño de 2020 en Ames Radio. Así, calquera persoa, asociación ou entidade de Ames poderá presentar os seus proxectos para a gravación e emisión dun programa de radio. A presentación dos proxectos realizarase a través dos rexistros do Concello en Bertamiráns ou no Milladoiro e deberá incluír a documentación esixida nas bases. O prazo para a presentación dos proxectos estará aberto ata o 2 de agosto de 2019. Premendo na ligazón dispoñible ao remate desta nova poderás obter as bases e o impreso de participación nesta convocatoria.

Co obxectivo de achegar a radio municipal á veciñanza, o Concello de Ames volve abrir as portas de Ames Radio para que calquera persoa, asociación ou entidade do concello maior de 18 anos, ou maiores de 16 anos sempre baixo a responsabilidade dalgún dos seus proxenitores ou titor, poda facer un programa de radio. Tamén poderán presentar proxectos en Ames Radio outras persoas, asociacións ou entidades non residentes no concello cando resulten de interese para o Concello de Ames ou estean protagonizados por persoas residentes ou nadas no municipio ou que traballen nel, así como por asociacións e colectivos do Concello. Neste caso presentará o proxecto unha persoa coordinadora, que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade.

Os interesados en ter o seu propio programa de radio deberán cubrir un modelo de solicitude, indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación , Natividade González, anima á veciñanza a presentar os seus proxectos para poder realizar un programa radiofónico en Ames Radio. “Agardamos repetir o éxito acadado coas dúas anteriores convocatorias para seguir ampliando a participación na radio, un medio público que debe estar ao dispor das veciñas e veciños para lle ofrecer información do Concello pero tamén para ser canle das súas inquedanzas e saberes”.

Ames Radio poñerá a disposición o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen. A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes. Cando nos proxectos vaia participar máis dunha persoa (ata un máximo total de cinco) indicarase un/ha coordinador/a responsable de garantir o bo funcionamento do proxecto e o cumprimento das condicións de emisión, así como axilizar a comunicación co persoal da emisora.

Comentarios