Bugallo e Feijóo acercan posturas cara o vindeiro Xacobeo 2021 e para impulsar a industria da cidade

Bugallo e Feijóo acercan posturas cara o vindeiro Xacobeo 2021 e para impulsar a industria da cidade
Bugallo e Feijóo acercan posturas cara o vindeiro Xacobeo 2021 e para impulsar a industria da cidade

Explicou o alcalde que "imos establecer unha estreita colaboración na que imos por sobre a mesa todos os activos dos que dispomos: solo industrial, convenios fiscais, tramitación de licenzas, formación, etc"

A colaboración entre o Concello e a Xunta de Galicia na organización do vindeiro Ano Santo, o futuro do Consorcio e a política industrial foron os principais asuntos tratados onte na entrevista que mantiveron o alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. O titular da Xunta comprometeuse a que no ano 2021 estarían rematadas a intermodal, a Cidade da Xustiza, as obras de rehabilitación da Catedral, as infraestruturas da Cidade da Cultura e a integración paisaxística das entradas á cidade dos diferentes Camiños de Santiago.

Sobre o ano Santo 2021, Sánchez Bugallo sinalou que "é un gran reto que temos que asumir as dúas administracións. Por parte da Xunta de Galicia quedou clara a vontade do presidente, e por parte do Concello de Santiago tamén vai ser así". Engadiu que "imos por toda a carne no asador, a deixar a pel para garantir que o ano 2021 sexa un gran éxito". E espera que sexa un punto de partida "a partir do cal Santiago e Galicia seguirán crecendo, cada vez de forma máis potente e máis sostida".

Lembrou que os dous Anos Santos, o de 2004 e o de 2010, nos que xa existira colaboración, "foron dous grandes éxitos para Galicia e para Santiago. E dende logo, 2021, despois de once anos sen Anos Santos, debe ser un éxito aínda maior".

O presidente da Xunta explicou que están facendo a integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago, dende Conxo ata San Lázaro, para que estean rematados no Ano Santo; que este se presentará o Plan Estratéxico do Xacobeo 2021 ao Concello, á Igrexa e á Xunta; e que a reforma da Catedral estará finalizada para esa data.

Sobre a preparación do Ano Santo 2021, Sánchez Bugallo sinala que "hai tempo. O que podía levar máis, como habilitar os aparcamentos periféricos, estamos a tempo. Temos a experiencia de facelo, unha idea do que queremos facer, e imos facelo. E resto dos temas, como voluntariado, atención ou limpeza, imos resolvelo con tempo máis que suficiente". Hai que preparar, engadiu, un Plan de Seguridade e un Plan de Servizos. "Cando hai pouco persoal, o que temos que facer é ter un bo plan, aplicar as novas tecnoloxías e buscar acordos para cubrir aqueles servizos que consideremos necesarios", dixo, asegurando que "Santiago será unha cidade limpa, acolledora e segura no ano 2021,e non aceptaremos ningunha solución que non garanta iso".

POLÍTICA INDUSTRIAL

Outro dos asuntos tratados foi a política industrial. Para Sánchez Bugallo un dos grandes retos de da Xunta e do Concello de Santiago "é ampliar a base económica do noso país e da nosa cidade". Sinalou que "queremos traballar e colaborar activamente no desenvolvemento da actividade industrial", con iniciativas como un hub teconolóxico, e en áreas como a biotecnoloxía ou o cluster da madeira. Iniciativas, subliñou ,"orientadas a captar e a facilitar a implantación de empresas en Santiago".

Explicou o alcalde que "imos establecer unha estreita colaboración na que imos por sobre a mesa todos os activos dos que dispomos: solo industrial, convenios fiscais, tramitación de licenzas, formación, etc", co obxectivo de facilitar a implantación de novas empresas en Santiago. Núñez Feijóo coincidiu co rexedor na competitividade do municipio para a instalación industrial, e saudou "o interese do alcalde en axilizar as licenzas, claves para dar seguridade".

O presidente da Xunta sinalou que toda "colaboración en materia de coordinación para captar investimentos para a cidade de Santiago ten a garantía do IGAPE, engadiu, "porque temos que recuperar o tempo perdido en canto a industrialización se refire".

COLABORACIÓN ENTRE XUNTA E CONCELLO

Núñez Feijóo agradeceu ao alcalde a súa colaboración e explicou que informara a Sánchez Bugallo de como están as actuacións que o Goberno galego está acometendo en Santiago. Entre os compromisos futuros tratados co rexedor citou, entre outros, a licitación no último trimestre deste ano da residencia da terceira idade, de 120 prazas, cun investimento de nove millóns de euros; a ampliación do Complexo Hospitalario de Santiago en 27.000 metros cadrados; e a reforma e ampliación do Centro de Saúde de Conxo que, dixo, están valorando.

En relación á USC, falaron da aportación da Xunta de Galicia para a remodelación e actualización das infraestruturas, un asunto que sinalou Feijóo, vai tratar co reitor nunha reunión convocada para as próximas semanas. Trasladoulle tamén ao alcalde as actuacións que a Xunta está a realizar nos colexios de Lamas de Abade, o Politécnico e a futura rehabilitación do CEIP Raiña Fabiola.

Outras cuestións citadas por Núñez Feijoo foron o grao de execución da Intermodal, cun 20% da obra no que se refire á estación de autobuses, e co comezo dos traballos da pasarela que a une coa estación de tren. Apuntou como obxectivo que as obras estean rematadas para o Ano Santo. Engadiu que é favorable a modificar os accesos á Intermodal, nos que está traballando un equipo técnico do Concello para ter listo o proxecto no mes de setembro; que se mantén o compromiso de financiamento da Xunta coa depuradora da Silvouta, que a Cidade da Cultura estará rematada para o Xacobeo do 2021; e que hai unha guía feita para a extensión da fibra no casco histórico.

CONSORCIO

Tamén se falou sobre o futuro do Consorcio da Cidade de Santiago, dos proxectos para o Ano Santo e tamén do proxecto estratéxico 2021-2027. Sinalou que ambas administración van estudalo para amplialo ata o 2032 e que inclúan os tres Anos Santos previstos: 2021, 2027 e 2032. 

Comentarios