Seis meses de carcere para unha parella que aforcou ao seu gato en Tomiño

Seis meses de carcere para unha parella que aforcou ao seu gato en Tomiño
Seis meses de carcere para unha parella que aforcou ao seu gato en Tomiño

Os acusados recoñeceron que se atopaban no seu domicilio cando divisaron un gato no seu terreo, polo que decidiron atrapalo e aforcalo

A sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra, de acordo coa conformidade alcanzada polas partes, condenou a seis meses de cárcere como autores dun delito de maltrato animal a cada un dos membros dunha parella que en outubro de 2017 aforcaron cunha corda a un gato que deambulaba pola súa leira, situada en Tomiño (Pontevedra). O tribunal tamén lles impuxo dous anos de inhabilitación para ter animais ou exercer calquera profesión relacionada con eles.

Os acusados recoñeceron que se atopaban no seu domicilio cando divisaron un gato no seu terreo, polo que decidiron atrapalo e aforcalo. Despois, introduciron o corpo nunha bolsa plástica. O sospeitoso, segundo a sentenza, dirixiuse “en repetidas ocasións” aos axentes da Garda Civil que acudiron ao lugar dos feitos “coa clara intención de que omitisen a súa actuación profesional”. 

Así, díxolles frases como: “se facedes desaparecer o gato e solucionades o problema, podedes coller o que queirades”. Os maxistrados sinalan que, desta forma, facía “alusión a un obxecto de certo valor que se achaba no interior do domicilio”. O imputado admitiu os feitos, polo que ademais de por un delito de maltrato animal foi condenado por suborno a un ano e medio de cárcere e ao pago dunha multa de 1.080 euros.

A Audiencia aceptou a suspensión da pena de prisión dos sospeitosos durante dous anos condicionada a que durante ese período non volvan delinquir.

Comentarios