Miñones asistiu a presentación dunha publicación sobre a historia da empresa amesá Feiraco

Miñones asistiu a presentación dunha publicación sobre a historia da empresa amesá Feiraco
Miñones asistiu a presentación dunha publicación sobre a historia da empresa amesá Feiraco

A obra recolle o papel da cooperativa como revulsivo da comarca de Barcala e analiza a súa traxectoria ata a integración en CLUN

O Salón Nobre do Colexio de Fonseca de Santiago de Compostela acolleu este venres, 5 de xullo, a presentación do libro ‘Pasado, presente e futuro do mundo rural. Feiraco, un modelo cooperativo de 50 anos’. A obra recolle o papel da cooperativa como revulsivo da comarca de Barcala e analiza a súa traxectoria ata a integración en CLUN. O evento, que marcou o final dos actos de conmemoración dos 50 anos de Feiraco, estivo presidido polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López. Ao acto acudiron os/as membros do Consello Reitor de CLUN e o seu presidente, José Ángel Blanco; o director xeral de CLUN, Rafael Prieto; o director do IDEGA, Alberto Meixide, o ex presidente de Feiraco, José Montes; e o alcalde de Ames José Miñones, que acudiu en representación do concello.

‘Pasado, presente e futuro do mundo rural. Feiraco, un modelo cooperativo de 50 anos’ supón un percorrido pola historia de Feiraco dende os seus inicios como cooperativa de gandeiros en 1968 ata a súa integración en Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) no 2017, xa convertida nun dos grandes referentes do sector lácteo galego. Así, a obra recolle como Feiraco desenvolveu a súa finalidade de proceso integrador e de compromiso co rural durante os seus cincuenta anos de historia, un obxectivo que se viu impulsado coa súa integración en CLUN.

Ademais, as páxinas do libro recollen tamén o que supuxo a creación e asentamento desta cooperativa na comarca de Barcala, con ““importantes e positivas consecuencias sociais, económicas e tecnolóxicas, que á súa vez promoveron un cambio cultural nas familias, que pasaron a vivir fundamentalmente das súas ganderías e do sector lácteo”. Asemade, a obra tamén conta con diversos artigos de investigadores galegos que, dende diferentes ópticas, analizan os retos actuais e as perspectivas de futuro do medio rural, así como o papel que desempeñará o cooperativismo neste sector.

Neste senso, o rexedor de Ames, José Miñones, afirma que “Feiraco non só foi un referente do cooperativismo galego nestes anos, senón que agora amosa tamén de cara aos vindeiros anos ser unha empresa con visión de futuro que aposta pola unión como mellor estratexia de crecemento”. A editorial Galaxia foi a encargada de publicar esta obra, froito da colaboración entre a cooperativa CLUN e o Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) da Universidade de Santiago.

Comentarios