Acampadas no Gaiás para a rapazada

Acampadas no Gaiás para a rapazada
Acampadas no Gaiás para a rapazada

A actividade ‘Unha noite no Bosque’, destinada a rapaces de entre 10 e 13 anos, celébrase todos os venres do mes de xullo

A Xunta de Galicia convida a rapazada de entre 10 e 13 anos a participar ao longo deste mes de xullo na súa actividade de verán Unha noite no Bosque, unha acampada nocturna con monitores no Bosque de Galicia, que se desenvolve os venres no monte Gaiás. O obxecto desta proposta do programa Verán no Gaiás é achegarlles ás xeracións máis novas a natureza da súa contorna máis próxima, á vez que transmitir e fomentar os valores de coidado e de respecto polo medio ambiente.

A rapazada participante nas acampadas poderá descubrir e coñecer mellor a fauna e a flora dos espazos naturais do monte Gaiás, así como gozar dunha xornada de convivencia, obradoiros e xogos á luz das estrelas. Unha noite no Bosque está organizada pola Fundación Cidade da Cultura e conta co patrocinio de Viaqua.

As actividades de Unha noite no Bosque comezan ás 19 horas cunha visita guiada polos espazos arquitectónicos do Gaiás, na que os rapaces terán a oportunidade de descubrir todos os recunchos do complexo deseñado por Peter Eisenman, así como achegarse dun xeito diferente ao traballo do prestixioso arquitecto norteamericano.

A continuación, acompañados de monitores, montarán o campamento no Bosque de Galicia e, despois dunha cea todos xuntos, participarán nunha ruta polo propio bosque e o Parque do Lago, titulada Os sons da noite. Nesta actividade, descubrirán a fauna e a flora deste espazo natural e aprenderán a recoñecer os sons característicos dos habitantes do monte Gaiás ao lusco fusco. A noite rematará ao máis puro estilo dos campamentos de verán, contando lendas e historias á luz das estrelas.

Xa o sábado pola mañá, e tralo almorzo e recollida do campamento, os participantes de Unha noite no Bosque asistirán a un obradoiro de nós básicos e a outro destinado a repasar mediante fichas e cantos a fauna nocturna descuberta o día anterior.

Comentarios