O segundo Festival Naturfest traerá aos grupos Treixadura e Virandeira Folk ao concello de Rois

O segundo Festival Naturfest traerá aos grupos Treixadura e Virandeira Folk ao concello de Rois
O segundo Festival Naturfest traerá aos grupos Treixadura e Virandeira Folk ao concello de Rois

Os asistentes poderán gozar da natureza cun trail, un xantar e xogos populares durante toda a xornada

Treixadura e Virandeira Folk, dous dos grupos de referencia na música tradicional galega, serán as principais atraccións na segunda edición do Festival Naturfest que se celebra no campo da festa de Rois o sábado 27 de xullo. Promovido polo Concello de Rois e o OCT Chorima, coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña, o Festival Naturfest “situa a Rois outra vez como lugar importante da comarca para a promoción cultural e poñer en valor o patrimonio artístico e cultural cun evento que sexa recoñecido más aló das nosas fronteiras”, explicou esta mañá na presentación o alcalde de Rois, Ramón Tojo.

A música galega será a gran protagonista dunha xornada na que terán cabida outras propostas para poñer en valor o noso territorio e o noso patrimonio. As Pandeireteiras de Ermedelo e as Repeniqueiras de Urdilde amenizarán aos asistentes antes de que comece o xantar popular. A partir das seis da tarde celébrase un festival folclórico no que participarán o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, o Grupo de Danzas Asociación Cultural Leira de Ordes e a Asociación Cultural Os Trazantes de Tenorio, de Cotobade (Pontevedra).

A xornada comezará cun trail (10.00 horas) para gozar do entorno facendo deporte na natureza. Un xantar popular, xogos en familia, un taller de iniciación teatral impartido por María Ordóñez, de Talía Teatro, e unha xincana de xogos populares completarán a oferta lúdica. “Queremos manter o sentimento das vellas tradicións do pobo e dos seus costumes, como eran as festas e traballos comunais noutrora grandes motores das relación sociais do noso entorno e que hoxe están totalmente extintos”, indicou Laura Ríos, membro de Chorima e da organización do festival.

O Festival Naturfest presentouse esta mañá na Cidade da Cultura de Galicia coa asistencia de Ramón Tojo, Lucía Ríos, Chema Alonso, de Virandeira Folk, e Xurxo Raposo e Anxo Xesteira, de Treixadura, quenes expresaron a súa honra por poder participar no evento.

Treixadura, que dende 1990 ten recuperado e rescatado do esquecemento numerosas melodías para manter viva a tradición oral, chega a Rois dentro da xira do seu último traballo ‘Inda canto!’, que xa ten percorrido máis de 30 localidades galegas. Con 6 discos no mercado, Treixadura segue fiel ao seu son característico tentando levar a interpretación da música tradicional ao máximo nivel artístico e escénico.

Virandeira Folk será o outro prato forte do concerto que comezará ás dez da noite. A banda viguesa segue apostando máis que nunca pola mestura de xéneros, estilos e sons, dende a música celta ao rock. Chema Alonso sinalou que “o grupo está rematando a xira do seu segundo disco, ‘Metamorfose’, e que moi pronto verá a luz o terceiro disco”, tamén aproveitou a ocasión para animar a todo o mundo a asistir a este “festivalazo que nunca defrauda”.

A NOVA ETAPA DO FESTIVAL NATURFEST

O nova etapa do Festival NaturFest comezou no 2018 como unha fusión de dúas citas musicais estivais que celebraran tres edicións cada unha: o Chorima Naturfest, que promovía o OCT Chorima, e o Rois Arrasa!!!, impulsado polo Concello de Rois. “Aínda que os resultados destas iniciativas foron positivos, tanto dende o Concello como dende Chorima decatámonos de que sumando forzas podiamos crear un único e sólido festival co que enxalzar o panorama musical, tanto local como galego. O éxito da primeira edición do Festival Naturfest, que se celebrou o ano pasado, penso que nos está a dar a razón”, dixo o alcalde na presentación.

Tojo Lens afirmou que este novo NaturFest “nace coa finalidade de ofrecerlle á gran canteira musical que temos en Rois un espazo no que poida expresar e compartir a súa arte. Queremos que tanto a veciñanza de Rois coma do resto de Galicia atope no campo da festa un lugar no que achegarse un pouco máis á nosa cultura”, engadiu.

Laura Ríos, do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima de Rois, reiterou esta idea asegurando que dende a organización do festival se busca “xuntar ás persoas do noso entorno e a outras de toda Galicia, para pasar un día de lecer, un día de convivencia, onde nos vexamos e, todos xuntos, poidamos gozar do deporte, do xantar, dos xogos, do baile, da música e das nosas tradicións”.

Para a organización do NaturFest, o Concello de Rois conta coa colaboración do OCT Chorima e da Rede Cultural da Deputación da Coruña. Ramón Tojo asegurou que o certame ten vocación de continuidade: “Se por separado estivemos tres anos, xuntos, Concello e Chorima, chegaremos moito máis lonxe no tempo promocionando a nosa música”.

Comentarios