Miñones acorda a cesión temporal do uso dun rueiro e praza privadas na rúa Xaquín Lorenzo do Milladoiro

Miñones acorda a cesión temporal do uso dun rueiro e praza privadas na rúa Xaquín Lorenzo do Milladoiro
Miñones acorda a cesión temporal do uso dun rueiro e praza privadas na rúa Xaquín Lorenzo do Milladoiro

O acordo terá unha duración de dez anos, con posibilidade de prorrogalo da forma anual transcorrido este espazo de tempo

O alcalde de Ames, José Miñones, e a presidenta da Comunidade de Propietarios do Edificio Xaquín Lorenzo 2, 4, 6, 8, 10 e 12 do Milladoiro,  María Luísa González, asinaron este luns un convenio polo que a agrupación cede ao Concello de Ames o uso do rueiro e a praza privada anexa á construción. O acordo terá unha duración de dez anos, con posibilidade de prorrogalo da forma anual transcorrido este espazo de tempo. A zona cedida comprende unha extensión total de 1563 metros cadrados.

O convenio contempla que a cesión destes terreos privados será gratuíta para o Concello, se ben a administración local será a encargada de sufragar os gastos correntes e de mantemento que derive o uso de ambos espazos durante a vixencia de dito convenio. No tocante á extensión, o rueiro comprende unha superficie de 750 metros cadrados mentres que a praza ocupa un total de  813 metros cadrados, o que fai un total de 1563 metros cadrados. 

Se ben a cesión do uso deste solo á administración xa aparecía prevista na licenza de obra concedida para a construción do edificio, a sinatura deste convenio supón a culminación das conversas iniciadas en febreiro de 2018 entre o Concello de Ames e a Comunidade de Propietarios co obxectivo de regularizar a situación desta parcela para o uso dos veciños e veciñas do Milladoiro. Estes espazos resultan convenientes para o uso público debido á súa situación como enlace peonil entre a rúa Madalena e a rúa do Xeixo, ademais da súa función de acceso á zona verde situada na parte posterior do bloque de vivendas. 

O rexedor amesá e concelleiro de Urbanismo, José Miñones, afirma que este acordo supón “a solución a unha problemática de anos que os representantes da comunidade de veciños nos espuxeron hai ano e medio, e que por fin chega ao seu fin”.

Comentarios