O profesor Antonio Segura Iglesias xa é decano da Facultade de Bioloxía

O profesor Antonio Segura Iglesias xa é decano da Facultade de Bioloxía
O profesor Antonio Segura Iglesias xa é decano da Facultade de Bioloxía

Os seus retos de futuro concretounos no mantemento e mellora das instalacións ou o desenvolvemento dos graos e mestrados impartidos na actualidade, así como estudar novas posibilidades de oferta de titulacións tales como a dobre vía que conforman biotecnoloxía e farmacia, entre outros

O reitor Antonio López presidiu este mércores 10 a toma de posesión do profesor Antonio Segura Iglesias como decano da Facultade de Bioloxía nun acto na Aula Magna da propia Facultade. O profesor do Departamento de Bioloxía Funcional Antonio Segura Iglesias resultou reelixido para o cargo nunha votación con 65 votos a favor e 7 en branco. Acompañan ao profesor Segura no equipo decanal Eva Candal Suárez como secretaria e Teresa Taboada Rodríguez e Isabel Santos Rodríguez como vicedecanas.

Antonio Segura relatou algunhas das accións acometidas durante os últimos catro anos, un período que “superou con creces as expectativas e as aspiracións” formuladas ao principio do seu mandata. Apuntou a modo de exemplo a culminación con éxito do proceso de verificación do novo grao en Biotecnoloxía, o mestrado en Biodiversidade Terrestre e o dobre grao en Química e Bioloxía, así como a mellora das infraestruturas do centro, o rexistro de espazos e de persoal da Facultade ou o deseño dun plan estratéxico da Facultade para o período 2017-2020.

Os seus retos de futuro concretounos no mantemento e mellora das instalacións ou o desenvolvemento dos graos e mestrados impartidos na actualidade, así como estudar novas posibilidades de oferta de titulacións tales como a dobre vía que conforman biotecnoloxía e farmacia, entre outros. En materia de investigación sinalou o seu interese por explorar e fomentar a posibilidade de constituír agrupacións estratéxicas nucleadas por grupos de investigación do centro. Na súa opinión é preciso “fomentar a cultura de coordinación empresa-universidade” mediante a realización de xornadas de divulgación respecto deste ámbito de colaboración e campañas informativas sobre as opcións de inserción laboral dos titulados. 

FINANCIAMENTO PÚBLICO

Antonio Segura expresou a súa crenza “na Universidade pública coma un dos alicerces  que sustentan a economía e a sociedade baseadas no coñecemento”. Dixo ademais que “non compartimos e rexeitamos a imaxe que se quere transmitir da Universidade pública como un lastre económico, coma un gasto e non coma unha inversión”. Ademais, “consideramos indispensable a autonomía universitaria para o bo funcionamento da nosa institución”, engadiu. “Neste contexto, teña vostede a seguridade señor reitor, que ten en nós un apoio nos procesos de negociación do plan de financiamento do SUG”, afirmou tamén ao tempo que reivindicou a necesidade de “reclamar firmemente financiamento público de acordo coas universidades coas que debemos equipararnos, de cara a situar a nosa Universidade onde realmente merece”.

Respecto desta última cuestión, o reitor reclamou un novo plan de financiamento que permita á USC como universidade pública cumprir coa súa misión institucional de xeito adecuado. Neste senso, Antonio López aludiu ao posicionamento da USC nos principais ránkings, recoñecendo o mérito das distintas áreas de coñecemento, neste caso das relacionadas con Bioloxía. Na súa opinión, para manter o nivel de calidade é necesario unha revisión do sistema de financiamento universitario de xeito que os actuais prezos públicos dos sistema universitario galego sexan acompañados coas achegas públicas por parte da administración autonómica que permitan dar resposta aos desafíos dunha formación de calidade e dunha investigación capaz de ser motor de desenvolvemento social.

Antonio López destacou a Facultade de Bioloxía como un centro comprometido coa calidade do ensino e da investigación, capaz de definir unha oferta de titulacións atractivas tanto en grao como en mestrado. Sobre a comunicación entre ambos niveis de estudo, o reitor compostelán considera importante axudar á continuidade dos estudos de grao e de posgrao, un reto de todos os centros e da universidade en xeral.

Ademais de agradecer o traballo realizado polo actual equipo e polo anterior, Antonio López lembrou a importancia de celebrar estes actos protocolarios dos equipos decanais nos seus correspondentes centros, xa que neles reside a súa lexitimidade ao ser elixidos polas comunidades dos respectivos centros.

ANTONIO SEGURA

Antonio L. Segura Iglesias (Pontevedra, 1954) é profesor da área de Fisioloxía Vexetal e integrante do grupo de investigación VitisResearch, no que foi coordinador de varios proxectos financiados polo Ministerio e a Xunta de Galicia e tamén coa empresa. Como especialista en patoloxía vexetal é coautor de diversas publicacións relacionadas coa epidemioloxía, diagnóstico e transmisión de enfermidades de etioloxía vírica en viñedos, ademais de estudos sobre biotecnoloxía e a función xénica de vide. É decano dende 2014 e tamén colaborou nas labores de goberno coma secretario e vicedecano da Facultade no período 1995-2002. Ademais, dende 2018 preside a Conferencia Española de Decanos de Bioloxía.

Comentarios