Bugallo e o arcebispo Julián Barrio centraron a súa reunión na preparación do vindeiro Ano Santo

Bugallo e o arcebispo Julián Barrio centraron a súa reunión na preparación do vindeiro Ano Santo
Bugallo e o arcebispo Julián Barrio centraron a súa reunión na preparación do vindeiro Ano Santo

Julián Barrio sinalou que cambiaran impresións sobre a preparación do Ano Santo do 2021, e falaron tamén do de 2027 e do de 2032, porque entende que "un bo gobernante debe pensar máis alá do inmediato"

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, seguindo a rolda de xuntanzas coas principais institucións da cidade, reuniuse onte co arcebispo de Santiago, Julián Barrio. A preparación dos vindeiros anos santos foi o punto principal tratado no encontro.

O rexedor explicou que falaron do "excelente estado de relación" que existe entre o Concello e a igrexa "como vén sendo tradicional", e o ánimo de colaboración que existe entre ambas institucións de cara á preparación dos anos santos vindeiros.

Julián Barrio sinalou que cambiaran impresións sobre a preparación do Ano Santo do 2021, e falaron tamén do de 2027 e do de 2032, porque entende que "un bo gobernante debe pensar máis alá do inmediato". Indicou que "por parte da igrexa somos conscientes de que necesitamos a colaboración das institucións civís, que pido e agradezo"; ao tempo que ofrecía a cooperación do arcebispado, "pensando nese ben común, para o concello, para a cidade, para Galicia e para España".

O arcebispo compostelán agradeceu a sintonía que existe co alcalde. Unha sintonía, engadiu, "que nos vai axudar a que Santiago sexa a cidade da cultura do encontro, unha cidade que sexa capaz de dar resposta aos interrogantes e preocupacións que se lle están presentando ao home dos nosos días"

Sobre a visita do Papa Francisco, a preguntas dos xornalistas, o arcebispo indicou que "tanto ao alcalde como a min nos agradaría moito que puidese vir durante o Ano Santo. Imos intentalo". 

Comentarios