Medio Rural rozará máis de 300 hectáreas de monte en Porto do Son para a prevención dos incendios

Medio Rural rozará máis de 300 hectáreas de monte en Porto do Son para a prevención dos incendios
Medio Rural rozará máis de 300 hectáreas de monte en Porto do Son para a prevención dos incendios

A través de drons analízase a vexetación destas zonas e os accesos ás parcelas para organizar os traballos de limpeza e roza

O director xeral de Defensa do Monte, Tomás Fernández-Couto, achegouse onte ata o concello coruñés de Porto do Son para supervisar os labores de replanteo e planificación das faixas secundarias que se limparán grazas ao sistema público de xestión de biomasa creado a través do convenio de protección das aldeas asinado entre a Consellería do Medio Rural, Seaga e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Por medio deste sistema, só no municipio de Porto do Son limparanse máis de 315 hectáreas nas catro parroquias priorizadas deste concello: Baroña, Caamaño, Ribasieira e Xuño.

Este traballo previo desenvolveuse con drons que analizaron o terreo e, deste xeito, permítese caracterizar e coñecer de forma máis áxil o estado da vexetación en cada unha das parcelas sobre as que haberá que intervir e tamén a situación dos accesos aos terreos.

Neste sentido, o director xeral aproveitou a visita para animar aos veciños propietarios de parcelas en parroquias priorizadas a adherirse a este convenio que lles ofrece a posibilidade de ter limpas as súas propiedades dentro das franxas dos 50 metros próximos aos núcleos de poboación a un prezo máis axustado e vantaxoso co prezo de mercado pola execución destes traballos, a 35 euros cada mil metros cadrados.

Do mesmo xeito, Tomás Fernández-Couto garantiu tamén que, nestas parroquias priorizadas, aquelas parcelas de particulares non adheridos ao convenio non quedarán sen limpar, senón que se actuará de xeito subsidiario. É dicir, “de acordo co compromiso adquirido polas administracións asinantes”, sinalou, serán estas as que actúen e trasladaráselle o custo da limpeza ao propietario, neste caso a prezos xerais de mercado. E engadiu que existe tamén “o compromiso de ter esas parcelas rozadas e acondicionadas consonte á normativa antes de que remate o ano”.

NÚMERO DE CONCELLOS

Así mesmo, o responsable de Defensa do Monte lembrou que a día de hoxe xa hai 204 concellos galegos adheridos a este sistema de xestión de biomasa, un número que seguirá medrando na medida en que se vexan os beneficios que supón para eles e os seus veciños este convenio.

Así, en virtude deste acordo, a Xunta, en colaboración con Seaga e a Fegamp, actuará para previr incendios en 70 parroquias de 35 concellos da comunidade autónoma no período 2019-2022 mediante a xestión da biomasa nas faixas secundarias. Nun primeiro momento foron 68 as parroquias priorizadas, pero na última xuntanza da comisión de seguimento do convenio, celebrada a finais de xuño, decidiuse incorporar automaticamente as que sufriran unha Situación 2, o que propiciou a entrada na lista das de Leiro e Isorna, en Rianxo.

Polo tanto, segundo explicou o director xeral, nestas actuacións teñen prioridade aquelas áreas con maior problemática incendiaria, que foron escollidas consonte a uns criterios obxectivos relacionados coa virulencia dos lumes, coa superficie afectada, co risco de ocorrencia de incendios e cos medios e a planificación adoptada para facerlles fronte. Así, está previsto actuar nunhas 4.500 hectáreas este ano, ata chegar a unhas 16.000 ao remate do período. Na provincia da Coruña son 14 as parroquias seleccionadas, pertencentes aos concellos de Carballo, A Coruña, Teo, Boiro, Lousame, Rianxo e Porto do Son, estes catro últimos na península do Barbanza.

Comentarios
Lo más