Ames supera os 32.000 habitantes

Ames supera os 32.000 habitantes
Ames supera os 32.000 habitantes

Tendo en conta os datos provisionais que manexa o padrón municipal, a día de hoxe o municipio conta con 32.190 habitantes

O concello de Ames continúa medrando e supera xa os 32.000 habitantes a mediados de 2019. Tendo en conta os datos provisionais que manexa o padrón municipal, a día de hoxe o municipio conta con 32.190 habitantes. Segundo os datos oficiais do Instituto Nacional de Estadística (INE) que se atopan publicados, a data de 1 de Xaneiro de 2018 Ames contaba con 31.278 habitantes, o que supón un incremento de case 1.000 novos habitantes con respecto a última cifra oficial.

Ames segue sendo un dos concellos que máis medra da comunidade galega, contando ademais cunha alta porcentaxe de poboación nova. Dende o ano 2000, o concello de Ames duplicou a súa poboación, pasando de 16.549 habitantes aos 32.190 cos que conta a día de hoxe. En canto a sexos, en Ames segue a haber unha certa paridade. En total, hai censados 15.450 homes, mentres que o número de mulleres ascende a 16.740. Asemade, durante o pasado exercicio houbo 296 nacementos e 154 defuncións.

Os datos do INE de finais de 2018 xa marcaban esta tendencia de crecemento cunha cifra que rozaba os 32.000 veciños e veciñas (31.858) e que agora, seis meses despois, vese superada en 332 habitantes máis no que vai de ano 2019.

Coas cifras actuais Ames pasa a ser o Concello número 13 de Galicia superando ao Concello de Carballo e moi cerca do de Arteixo que tamén supera os 32.000 habitantes. A progresión do Concello de Ames está a ser superior ao do resto de Concellos e así nos últimos 3 anos está a escalar postos no r´anking xeral de habitantes dos concellos galegos, superando a Redondela, Culleredo e agora Carballo, nas últimas anualidades.

A aposta polo sector industrial centralizado no Parque empresarial de Milladoiro, xunto cos servizos de conciliación que presta o Concello e que son referentes a nivel Nacional, son algunhas das razóns polas que o Concello está a medrar nestes últimos anos.

Comentarios