Confirman a condena de dez anos de cárcere ao acusado de violar a unha turista en Tui

Confirman a condena de dez anos de cárcere ao acusado de violar a unha turista en Tui
Confirman a condena de dez anos de cárcere ao acusado de violar a unha turista en Tui

O tribunal tamén lle impuxo o pagamento dunha indemnización a afectada de 20.000 euros, así como a prohibición de aproximarse e comunicarse con ela por calquera medio durante doce anos

A Sala do Civil e Penal do TSXG confirmou a condena de dez anos de cárcere que a Audiencia Provincial de Pontevedra lle impuxo ao acusado de agredir sexualmente en abril de 2017 en Tui a unha turista asturiana que pasaba a Semana Santa en Galicia e á que coñecera nun bar próximo ao seu hotel. O alto tribunal rexeitou o recurso presentado polo procesado e considerou acreditados os feitos que recolle a sentenza de primeira instancia, na que a Audiencia relata que, tras a violación, a vítima conseguiu fuxir e se introduciu nunha lagoa natural, desde onde chamou ao 112. O tribunal tamén lle impuxo o pagamento dunha indemnización a afectada de 20.000 euros, así como a prohibición de aproximarse e comunicarse con ela por calquera medio durante doce anos.

“O acusado recoñece estar coa vítima nese lugar, pero afirma que mantiveron relacións sexuais libremente consentidas por ambos, sen ofrecer explicación algunha das lesións que presentaba a denunciante pouco despois, cando a atopou na lagoa a Garda Civil”, sinala o TSXG na resolución, na que destaca que o sospeitoso recoñeceu no xuízo que cando saíron do bar a vítima “non tiña ningún golpe na cara, brazos e mans e que nin caeu nin golpeou accidentalmente mentres estivo con el”. Os xuíces, ademais, inciden en que os informes forenses revelan “a presenza de seme do acusado na vaxina da vítima, así como a de ADN nas mans e uñas da denunciante, o que indica a existencia de loita ou defensa e descarta a versión do condenado sobre que consentise voluntariamente manter relacións sexuais”.

O TSXG salienta que o acusado “ofrece unha versión meramente exculpatoria, articulada sobre o consentimento da vítima, que pugna coa existencia de signos obxectivos de pelexa e defensa”. Por iso, conclúe que existe “proba de cargo suficiente, practicada con todas as garantías, que desvirtúa a presunción de inocencia e sustenta a autoría e condena que se cuestionan”. Os xuíces tamén descartaron que o imputado se atopase “nun estado de intoxicación por alcol ou drogas plena ou de tal grao que limitase notablemente ou lle impedise comprender a ilicitude do feito ou actuar conforme a esa comprensión”.

Comentarios