En Marea pide que a Xunta non bloquee a participación dos colectivos ecoloxistas na nova Lei de Patrimonio natural

En Marea pide que a Xunta non bloquee a participación dos colectivos ecoloxistas na nova Lei de Patrimonio natural
En Marea pide que a Xunta non bloquee a participación dos colectivos ecoloxistas na nova Lei de Patrimonio natural

Antón Sánchez achaca a precipitación do PP para aprobar a lei a un intento de furtar o debate e maquear o nefasto balance lexislativo de Feijóo

A decisión adoptada onte na ponencia da Lei de Patrimonio Natural de levar a aprobación da norma a un pleno extraordinario a finais de xullo é para o vicevoceiro do grupo parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, un intento máis de "furtar o debate impedindo que escoitemos os colectivos ecoloxistas e de custodia do territorio que veñen de emitir un comunicado conxunto en contra da nova lei".

"O PP tómase a chufla as políticas ambientais , despreza esta institución e á cidadanía", denunciou con dureza Antón Sánchez, para quen detrás desta decisión de precipitar os prazos para aprobar a lei en xullo está a subordinación do PP a outros intereses e a intención de Feijóo de maquear ese nefasto balance de aprobación de leis, incumprindo as súas propias promesas ano tras ano.

A ponencia para debater e elaborar o informe sobre a Lei de patrimonio natural creouse en Comisión parlamentaria o pasado 6 de xullo. "Presentáronse máis de 300 emendas", lembra o parlamentario, "pero o PP por puro interese partidista e electoral quere pechar a ponencia o vindeiro luns para poder pasar o rodillo e aprobar definitivamente este proxecto de lei antes de que remate o mes de xullo nun pleno extraordinario".

Para o grupo parlamentario En Marea non hai ningunha razón de interese xeral que precipite estes ritmos que impiden un debate sosegado onde poida participar todo o mundo. "Nós propuxemos co psoe e bng un tramite de audiencia para escoitar estes colectivos que ven a nova norma como un retroceso nas políticas ambientais e que instan ó goberno galego a mudar o sentido deste proxecto de lei".

Para Sánchez esta decisión súmase a dez anos de preocupación e desleixo absoluto das políticas ambientais por parte do goberno de Feijóo, durante os que se recortaron os orzamentos destinados a políticas ambientais preto do 70%, e está íntimamente relacionada coa paralización das Directrices da Paisaxe. "Mentres, as empresas eléctricas e os fondos voitre dos bancos dedícanse a instalar parques eólicos por todo o país e a ampliación da Rede Natura que esixe a Unión Europea tamén segue agardando".

Ademais, Sánchez tamén se referiu ao Catálogo de especies ameazadas ou en perigo de extinción, aprobado en 2007 e que recollía 200 especies ameazadas fronte ás que se prevía a elaboración de plans de recuperación e conservación. "Despois de máis de dez anos, deses 200 plans só hai en vigor tres", concluiu.

Comentarios