En Marea celebra o seu quinto plenario asegurando que saen reforzados

En Marea celebra o seu quinto plenario asegurando que saen reforzados
En Marea celebra o seu quinto plenario asegurando que saen reforzados

Luís Villares: "Hoxe temos unha nova marea ilusionada de xente independente que se uniu dende o cidadanismo e que marchou de partidos con intereses que xa non responden ao espazo de cambio en Galicia"

En Marea celebrou este sábado o seu quinto Plenario como formación política cidadanista e radicalmente democrática. Duascentas persoas traballando de maneira fraterna na Facultade de Económicas da Universidade de Compostela.

“O primeiro hoxe era facer unha reflexión sobre todo o camiño percorrido nos anos da unidade popular, que tivo momentos mellores e peores, e que rematou non só coa fractura do Grupo Parlamentario senón tamén coa certificación da imposibilidade de conxugar sempre ás persoas que traballaban a título individual e as cúpulas dos partidos, que impedían un traballo sano”, sinalou o voceiro de En Marea, Luís Villares, sobre o Plenario de hoxe.

A formación fai un punto e aparte, así o apuntou Villares: "Hoxe temos unha nova marea ilusionada de xente independente que se foi unindo dende o cidadanismo e tamén que se foi marchando de partidos cuxos intereses xa non responden ao espazo político de cambio en Galicia".

O voceiro afirmou que existe un espazo político dentro do bloque progresista galego que sen En Marea estaría orfo. "O Partido Socialista, tanto en Galicia como a nivel estatal, ten unhas políticas económicas que non son capaces de satisfacer a esas grandes capas da sociedade que hoxe están precarizadas. A propia vicevoceira do Goberno do Estado dixo esta semana que non vai haber marcha atrás nas reformas laborais, e iso para nós é consolidar a precariedade”, criticou.

“En Marea non está nesas coordenadas dos socialistas. Nós defendemos un proxecto progresista que reverta a situación de precariedade das clases traballadoras e que, polo tanto, faga pasar do precariado á unha cidadanía plena”, enfatizou Villares, que tamén destacou a necesidade de que no espazo progresista galego exista unha forza política que poña o acento no feminismo, no ecoloxismo e na igualdade; e que recupere a transversalidade das políticas progresistas que foi abandonada por Unidas Podemos.

Villares engadiu que, ao mesmo tempo, En Marea quere representar "un proxecto de país amplo que non está representado neste momento por parte do BNG, que non chega a toda Galicia coa súa idea nacional". "Ofrecemos unha idea aberta de nación onde todas se poidan sentir cómodas", dixo.

“O que nos ilusiona é que temos áinda un ano para as eleccións autonómicas no que podemo poñer enriba da mesa propostas en positivo que reflictan a realidade política que queremos representar”, destacou Villares, quen apuntou que máis adiante virá o momento de plantexarse a forma de concorrencia ás eleccións autonómicas.

A vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, explicou que durante o Plenario a deputada e os deputados no Parlamento de Galicia (Paula Vázquez Verao, Franciso Casal, Davide Rodríguez e Luís Villares) leais a esta formación dende o principio deron conta da situación actual e de como afrontan a nova etapa no Hórreo. Do mesmo xeito se lle trasladou ás inscritas a situación financieira do partido no momento actual.

“Cunha En Marea ilusionada por seguir avanzando e por finalizar este proceso de reflexión conxunta que iniciamos o pasado mes de xuño coas asembleas das que xa demos conta. Os inscritos e as inscritas son as que o deciden todo en En Marea e hoxe tamén é así no Plenario, no que hai un espazo de micro aberto onde todo o mundo ten a liberdade de expresar o que pensa para avanzar na cohesión desta En Marea soberana e de adscrición individual onde son as persoas as que contan”, indicou Ana Seijas. 

Comentarios