Unha trintena de rapaces gozaron do fútbol sala no Campus Meigas e Trasgos

Unha trintena de rapaces gozaron do fútbol sala no Campus Meigas e Trasgos
Unha trintena de rapaces gozaron do fútbol sala no Campus Meigas e Trasgos

A iniciativa acadou nesta anualidade os trinta e cinco participantes, o que a converteu na edición máis concorrida das cinco celebradas ata o de agora

A quinta edición do Campus de Fútbol Sala ‘Meigas e Trasgos’ chegou á súa fin este venres, 12 de xullo. A iniciativa acadou nesta anualidade os trinta e cinco participantes, o que a converteu na edición máis concorrida das cinco celebradas ata o de agora. O campus tivo lugar na área deportiva de Bertamiráns do 1 e 12 de xullo, de luns a venres, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Durante dúas semanas, os nenos e nenas non só practicaron fútbol sala, senón que tamén se achegaron a outras disciplinas deportivas, recibiron a visita de múltiples persoas ligadas ao deporte e realizaron varios obradoiros de nutrición. 

Preto de trinta e cinco rapaces e rapazas de entre 4 e 17 anos puideron mergullarse na práctica do fútbol sala ao abeiro do V Campus de verán ‘Meigas e Trasgos’. Durante un total de dúas semanas, repartidas en dúas quendas, adestradores e monitores profesionais guiaron aos cativos e cativas na práctica do fútbol sala, ao tempo que os introduciron noutros deportes como o baloncesto, voleibol ou fútbol americano. Se ben o fútbol sala foi o nexo común do campus, os cativos tamén realizaron xogos cooperativos co obxectivo de afianzar os valores de colaboración, responsabilidade e traballo en equipo sobre os que se basea tanto o FC Meigas como a EFS Trasgos. 

Durante as distintas xornadas, tamén se desenvolveron diversos mundialitos nos que competiron os distintos grupos do campus, que se foron rotando cos distintos monitores/as e compañeiros para dotar de dinamismo e axilidade ás actividades. Por outra banda, para rematar a xornada de adestramentos e xogos, as/os participantes acudiron á piscina descuberta de Bertamiráns para refrescarse e practicar xogos acuáticos.

Sen embargo, o campus ‘Meigas e Trasgos’ non só consistiu na práctica de deporte. Durante estas semanas, as nenas e nenos recibiron múltiples visitas de persoas ligadas a distintos ámbitos do deporte. Así, entre as persoas que visitaron ao grupo atopáronse un coach deportivo, que lles ensinou a convivir e canalizar a frustración, e un árbitro da federación que lles achegou en que consiste o seu traballo e resolveu as dúas dúbidas arredor da figura do árbitro. Asemade, tamén acudiron ao campus a capitana do primeiro equipo do FC Meigas, Teresa Pereiro, e a xogadora Yaiza Otero, que presentaron ante o grupo as súas experiencias no fútbol sala. Asemade, Santi Valladares encargouse de supervisar algunhas das xornadas como director deportivo do FC Meigas.

Os rapaces e rapazas  tamén participaron en dous obradoiros sobre nutrición, realizados no Rego dos Pasos. A primeira semana achegáronse á comida saudable nun obradoiro no que se animaron a elaborar muffins con ingredientes beneficiosos, mentres que a segunda semana tocoulle a quenda ás bebidas. Neste último, o grupo aprendeu a crear batidos e refrescos saudables e, despois, elaboraron bebidas sans a base de distintas froitas. 

O venres 12 de xullo, pola súa banda, o grupo participou nas “Chorraolimpiadas”, unha serie de probas extravagantes nas que teñen cabida o deporte e a diversión a partes iguais. Despois dunha mañá chea de actividades, cada unha das nenas e nenos recibiron un diploma nun acto de entrega no que participaron a concelleira de Deporte e Atención Veciñal, Susana Señorís; o concelleiro de Obras e segundo tenente de alcalde, Blas García; a capitana do FC Meigas, Teresa Pereira; e varios membros do corpo técnico do Santiago FutSal, do FC Meigas e do EFS Trasgos.

Esta edición foi a máis concorrida dos cinco campus organizados polo FC Meigas e EFS Trasgos en colaboración co Concello de Ames, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. Con preto de trinta e cinco participantes, esta edición mantén a liña ascendente que a iniciativa experimenta dende a súa posta en marcha, grazas ao seu dinamismo e á conciencia de grupo que xurde ano tras ano entre os/as participantes deste campus.

Comentarios