O Partido Popular rexeita o expediente que se levou ao pleno cun "cumio de deficiencias"

O Partido Popular rexeita o expediente que se levou ao pleno cun "cumio de deficiencias"
O Partido Popular rexeita o expediente que se levou ao pleno cun "cumio de deficiencias"

Este Pleno tiña como obxectivo, por parte do Goberno que dirixe Xosé Antonio Sánchez Bugallo, a aprobación relativa á convalidación de facturas, na súa maior parte, sen contrato e sen crédito, cuxo valor ascende a 1,8 millóns de euros

O Grupo Municipal Popular puxo de manifesto o numeroso cumio de deficiencias existentes no expediente que se levou ao Pleno extraordinario que se celebrou onte. Este Pleno tiña como obxectivo, por parte do Goberno que dirixe Xosé Antonio Sánchez Bugallo, a aprobación relativa á convalidación de facturas, na súa maior parte, sen contrato e sen crédito, cuxo valor ascende a 1,8 millóns de euros.

O Goberno socialista instou a celebración deste Pleno co fin de sacar a diante as seguintes facturas:

- Contratos menores sen crédito: 435.435,98 euros de partidas de comunicación, actividades, servizo integral de auga, investimentos menores ou SGAE entre outros.

- Contratos maiores sen crédito e sen contrato: 926.092,26 euros, dos que 763.200,54 euros, que representan o 82 % do total, son de gastos por subministración de enerxía eléctrica. O resto das partidas responden, sobre todo, a gastos por servizos postais/servizos prestados pola USC e concertos no festival WOS en setembro do 2018.

- Contratos maiores sen contrato: 27.957,19 euros, correspondentes a gastos por servizos de fotocopiadoras de instalacións municipais/ascensores en dependencias municipais, subministración de gasóleo para instalacións do Concello ou acceso a base de datos xurídica dixital.

- Contratos maiores sen crédito: 97.273,55 euros por excesos de medicións en varios investimentos.

- Xurados premios de creación literaria: 1.150 euros.

- Pagos domiciliados: 27.177,37 euros dos que a meirande parte corresponden a subministración de combustible para vehículos municipais (97,30 %), sendo o resto gastos xirados polo Rexistro Mercantil Central ou por peaxes de autopistas.

- Recibos de comunidade de propietarios: 1.849,27 euros por débedas derivadas de impagos de anteriores propietarios dos inmobles, respecto das que procederá analizar a súa posible repercusión posterior.

- Gastos anteriores ao ano 2018 pendentes de imputar: 3.463,27 euros por conceptos varios de subministración enerxía eléctrica, servizos gráficos, asociación de escritores en lingua galega ou alumeados públicos.

As cantidade están sen pagar, polo que se incumpre o período de pago a provedores, o que supón un grave problema tanto a pequenos autónomas e a empresas e usuarios. Así, tras a aprobación destes gastos por parte da Corporación municipal, dito pagamento levarase a cabo con cargo ao superávit que obtivo o Concello de Santiago no ano 2018, data na que se bateu todos os récords históricos, posto que a cantidade chega a preto de 18 millóns de euros, situación nada normal.

Esta cantidade, completamente esaxerada, denota claramente a falta de execución do orzamento do ano 2018, polo que quedou evidenciado que o Goberno de Martiño Noriega non levou a cabo o mantemento e os investimentos que precisa a capital de Galicia.

AMORTIZACIÓN ANTICIPADA

A maiores, tamén se levou ao Pleno a aprobación dunha operación de amortización anticipada da débeda do Concello, por importe de case 6 millóns de euros. Esta acción realizouse ante a incapacidade manifesta, por parte do Goberno de Compostela Aberta, para aprobar investimentos sostibles na cidade.

Neste senso, a normativa actual permite que, cando un concello ten un exceso, unha vez pagadas as facturas que teña “no caixón” como é no caso do que estamos a falar (por importe de 1,8 M E), poida dedicar o resto do superávit a facer investimentos sostibles na cidade.

Neste caso, a cantidade que o Concello podería destinar a este concepto sería de máis de 10 millóns de euros. Non obstante, como o Concello no cumpre co prazo legal para pagar aos provedores non pode facer os investimentos neste momento e decide dedicar case 6 millóns á amortización anticipada de débeda, e dicir, “darlle os cartos aos bancos”.

Así mesmo, o actual Executivo resérvase outros 5 millóns “por si chegase a cumprir, nalgún momento, o prazo de pago a provedores, pero, de forma inesperada, o actual alcalde xa anunciou que será imposible acadar este prazo, polo que os provedores continuarán sen cobrar en tempo”.

Para o grupo Municipal Popular, esta situación comeza a ser "surrealista", polo desorbitado do superávit que chega aos 17 millóns de euros e, por outra banda, tamén resulta incomprensible que Sánchez Bugallo anuncie que actualmente non se cumpre e que seguirá sen cumprirse durante o que resta deste ano.

Os Populares consideran fora de toda lóxica que non se fagan investimentos e que o actual Goberno municipal se dedique “a darlle cartos aos bancos antes de prazo e a pagar facturas que conteñen importantes deficiencias”. Todo isto nun ano tan importante para planificar os investimentos que precisa a cidade para o Xacobeo 2021.

O grupo que dirixe Agustín Hernández tamén puxo de manifesto a falla de transparencia, posto que se celebrou este Pleno con dous puntos que derivan da liquidación de 2018, da terían que terse dado traslado aos grupos da oposición en marzo de 2019 e que, na actualidade, aínda non se puxera no seu coñecemento.

Comentarios