María Yáñez abordou o papel do galego nos medios de comunicación ao longo da súa historia

María Yáñez abordou o papel do galego nos medios de comunicación ao longo da súa historia
María Yáñez abordou o papel do galego nos medios de comunicación ao longo da súa historia

A directora de ‘Vinte’ analizou nos Cursos “Galego sen fronteiras” as oportunidades e os retos da lingua na comunicación dixital

A directora da revista dixital Vinte, María Yáñez, analizou onte nos Cursos de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras” as oportunidades e os desafíos para o idioma nos medios de comunicación no mundo dixital. A xornalista ofreceu ao alumnado dos cursos coorganizados pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, procedente de vinte países de Europa, América, Asia e África, un breve percorrido pola historia do xornalismo en galego desde a aparición d’O Tío Marcos da Portela, en 1876, ata o escenario actual, “un momento crítico tanto para a lingua como para o xornalismo”, valorou.

“Hoxe os medios de comunicación nunha lingua minorizada como a nosa teñen que pensar moi ben a súa estratexia para mantela viva entre a xente nova, que cada vez consome menos medios de maneira tradicional, non le o xornal nin ve a televisión”, salientou a xornalista, á fronte dunha publicación de sociedade, cultura e tendencias que aposta forte polos contidos audiovisuais e pola presenza nas redes sociais máis empregadas pola mocidade.

María Yáñez lamentou a escaseza de medios de comunicación tradicional en galego e botou en falta “certa masa crítica” de iniciativas no eido dixital, con frecuencia—dixo— pequenas e voluntaristas, pero mostrouse convencida de que o idioma do país ten futuro en Internet. Proba diso, concluíu, é a boa receptividade da audiencia aos contidos creados en galego. “Conseguen un engagement brutal, achegan un valor emocional que fai que teñan máis gústames nas redes sociais”.

Comentarios