O Depor Campus contou con preto de 50 rapaces en Ames

O Depor Campus contou con preto de 50 rapaces en Ames
O Depor Campus contou con preto de 50 rapaces en Ames

O campo de fútbol de Bertamiráns acolleu do 8 ao 12 de xullo a cuarta edición do Depor Campus en Ames

O campo de fútbol de Bertamiráns acolleu do 8 ao 12 de xullo a cuarta edición do Depor Campus en Ames, no que participaron preto de cincuenta rapaces e rapazas de entre 6 e 14 anos. Esta iniciativa organizada polo RC Deportivo da Coruña, que contou coa colaboración do Bertamiráns FC e do Concello de Ames, constou de cinco xornadas de adestramento e diversión cos adestradores do Real Club Deportivo, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Nos adestramentos empregouse un método que fomenta valores como o xogo limpo, o respecto polo rival, o esforzo, a solidariedade e a amizade a través do deporte.

Ames converteuse este mes, por cuarto ano consecutivo, nunha das sedes do Depor Campus. Durante un total de cinco xornadas, os técnicos do Real Club Deportivo da Coruña conduciron os adestramentos de preto de cincuenta rapazas e rapaces, durante os seguiron unha metodoloxía similar á seguida polos xogadores das categorías inferiores do RC Deportivo. Asemade, participaron tamén en actividades na piscina municipal de Bertamiráns e compartiron tempo cos xogadores das categorías inferiores do club, cos que compartiron experiencias e anécdotas. Todos e todas as participantes recibiron un equipamento consistente nun pantalón, unha camiseta e unhas medias.

Asemade, nestas xornadas intentouse desenvolver, entre os participantes, habilidades e conceptos na relación co ou coa opoñente, así como na relación co propio compañeiro ou compañeira. Os e as porteiras adestraron, pola súa banda, este tipo de habilidades de xeito especializado. Tampouco se descoidou a educación en hábitos saudables, incidindo na importancia da alimentación dos e das deportistas, así como de outras moitas actividades relacionadas coa vida futbolística.

Xogáronse tamén partidos reducidos/minipartidos, traballáronse situacións básicas de aprendizaxe (1x1, 2x2, 3x3) e rondos básicos e posicionais, ademais de desenvolver xogos de relación co balón e de posición, circuítos coordinativos, e participaron en situacións de xogo real (competición/Liga interna).

Mediante esta metodoloxía, os técnicos do RC Deportivo fomentaron entre os participantes a transmisión de valores como o respecto, a amizade e a solidariedade, que o propio Bertamiráns FC e outros clubs de base transmiten aos seus xogadores e xogadoras no día a día. O Depor Campus rematou cunha xornada de diversión e na que se lle fixo entrega a todos os xogadores dun diploma que acredita a participación en dito campus.

Como xa adiantara o director dos Depor Campus, Pablo Barros, na presentación desta edición a finais de xuño, a través de dita metodoloxía apostouse pola aprendizaxe baseada na diversión. Deste xeito, introducíronse actividades lúdicas de piscina e traballouse cos/as participantes en grupos reducidos, divididos por idades e niveis, co obxectivo de mellorar diferentes aspectos técnicos e tácticos. Ademais, traballáronse diversos conceptos individuais e de equipo, e volveuse a repetir a experiencia dos adestramentos coas categorías inferiores do RC Deportivo.

Comentarios
Lo más