Villares presenta as teses políticas aprobadas no quinto plenario de En Marea

Villares presenta as teses políticas aprobadas no quinto plenario de En Marea
Villares presenta as teses políticas aprobadas no quinto plenario de En Marea

Villares falou da emerxencia demográfica galega, ligada á falta de expectativas dos mozos e mozas; da crise dos servizos públicos, en concreto no eido da sanidade e da educación; e da necesidade de implementar unha concienciación ecoloxista en todas as políticas da Xunta

“Pensamos que hai que darlle prioridade ás políticas sobre os sillóns. En Marea quere constituír esa forza progresista ampla con carácter nacional, responsable, acentuada no feminismo, na defensa dos valores medio ambientais, na loita contra a precariedade laboral e a favor da cidadanía plena para construír en positivo este país. Isto é o que defendemos na tese política aprobada no Plenario o pasado sábado”, aseguro o voceiro de En Marea, Luís Villares, na presentación da tese política aprobada polas inscritas no Plenario do pasado sábado.

“Estas son as liñas nas que nos queremos mover”, aseverou o voceiro, “e queremos recuperar o discurso sobre a capacidade de En Marea para artellar maiorías progresistas”. “Vemos unha irresponsabilidade no PSOE e Podemos, que en vez de estar falando de políticas programáticas están falando de sillóns. As forzas que se din progresistas deberían estar falando do calendario para derogar a lei mordaza, as reformas laborais, para acabar coa fenda salarial, para unha transición ecolóxica xusta”, criticou Villares. 

“Queremos a universalización, e o recoñecemento como un dereito fundamental, da escolarización de 0 a 3 anos para que os bonos concilia e os cheques benvida deixen de ser un parche. Esta medida ten unha clara vocación para servir á reincorparación das mulleres e homes ao mercado laboral despois do exercicio da maternidade ou da paternidade. Para que poidamos levar a cabo unha conciliación plena”, salientou. 

Na liña da defensa das políticas como único discurso que aporta algo á sociedade, o voceiro tamén lembrou que En Marea presentou unha iniciativa para aumentar ata os 45 anos a idade na que as mulleres poden acceder á fecundación asistida dentro do Servizo Galego de Saúde (Sergas). “O que non é xusto é que lles esixamos ás mulleres unha incorporación plena ao traballo, unha carreira profesional de éxito e que elas non reciban o apoio do sistema sanitario público cando o necesitan”, enfatizou Villares. 

Villares falou da emerxencia demográfica galega, ligada á falta de expectativas dos mozos e mozas; da crise dos servizos públicos, en concreto no eido da sanidade e da educación; e da necesidade de implementar unha concienciación ecoloxista en todas as políticas da Xunta. "Asumimos como reto reilusionar á xente que apostou por políticas de cambio e que foi decepcionada polo que viu nos últimos tempos. Pensamos que estamos en condicións de aportar algo neste momento no que temos un PSOE máis liberal que socialista e un Podemos que abandonou ás políticas transversais dos movementos que o apoiaron", afirmou. 

A vicevoceira de En Marea, Ana Seijas, explicou que a tese política aprobada polas inscritas marcará o novo rumbo da formación. "Este é o camiño para melonar a vida das galegas", afirmou. "Sabemos que estamos ante un cambio sistémico, que estamos ante a fin do capitalismo industrial e que iso nos vai levar a un novo paradigma de sociedade automatizada á que temos que dar respostas para que ninguém quede atrás, para asegurar a distribución dos recursos axeitada", sinalou Seijas. 

Pola súa banda, Mariló Candedo, membro da Coordinadora de En Marea, apuntou que existe a necesidade dunha forza progresista capaz de representar ás maiorías sociais para poñer fin ao precariado. "O cambio político require dunha forza política como En Marea, centrada nos eixos do feminismo, da transición ecolóxica, de atender a esa emerxencia climática e da defensa da xustiza social desde o punto de vista da política dos coidados", remachou Candedo. 

Comentarios