Confirman a condena a 26 anos de cárcere ao condutor que matou a un mozo no paseo marítimo da Coruña

Confirman a condena a 26 anos de cárcere ao condutor que matou a un mozo no paseo marítimo da Coruña
Confirman a condena a 26 anos de cárcere ao condutor que matou a un mozo no paseo marítimo da Coruña

O alto tribunal galego rexeitou os recursos presentados pola Fiscalía e polo acusado. O Ministerio Público reclamaba que o sospeitoso fose considerado culpable de tres delitos de asasinato, dous deles en grao de tentativa

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentencia da sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña na que condena, de acordo co veredicto do Tribunal do Xurado, a 26 anos de cárcere como autor dun delito de homicidio e de dous delitos de homicidio tentado ao condutor de 19 anos que durante a madrugada do sábado 28 de outubro de 2017 atropelou a propósito a tres mozos no paseo marítimo da Coruña. O acusado, segundo consta na resolución, pelexou cos afectados nun bar do Orzán e, ao velos cruzar a vía por un lugar non habilitado para peóns, invadiu o sentido contrario da marcha e dirixiu o coche contra eles. Como consecuencia do impacto, o mozo de 24 anos que camiñaba adiantado saíu despedido cara ás vías do tranvía e faleceu uns 45 minutos despois, mentres que un dos seus acompañantes sufriu lesións leves. A terceira persoa non foi alcanzada polo vehículo.

O alto tribunal galego rexeitou os recursos presentados pola Fiscalía e polo acusado. O Ministerio Público reclamaba que o sospeitoso fose considerado culpable de tres delitos de asasinato, dous deles en grao de tentativa, porque sostén que as vítimas careceron de posibilidade de defensa debido ao sorpresivo do ataque. “O xurado non dá por probado que os mozos nada puidesen facer para tratar de protexerse ou, o que é o mesmo, non descarta a posibilidade de defensa ou de esquivar o vehículo que cara a eles se dirixía”, afirman os maxistrados, á vez que recalcan que “non é posible soster a existencia de aleivosía”. O TSXG tamén rexeitou a nova valoración dunha gravación do paseo marítimo demandada polo fiscal. “De ser admisible, que non o é, non podería dar lugar a unha resolución agravatoria da sentenza de instancia senón, no seu caso, á súa anulación e a necesidade de ditar unha nova resolución”.

En canto ao recurso do condenado, os maxistrados manifestan que “non se pode soster que o tribunal non dispuxese de proba de cargo validamente practicada e de vigor persuasivo”. Así, salientan que das manifestacións das testemuñas e do propio sospeitoso “se desprende ese propósito homicida que é apreciado polo xurado”.

“A intención era acabar con eles e foi o modo e maneira en que se desenvolveron os feitos o que determinou que o falecemento só fóra dun mozo e non dos seus dous acompañantes ou dos tres. Por iso, non podemos compartir a apreciación que fai a defensa cando afirma que non tiña intención nin ánimo de matar ou lesionar aos outros dous mozos, pois as probas anteriores permiten afirmar o contrario”, asegura o TSXG na sentenza, na que reitera que “ese ánimo de matar resulta das manifestacións que o condenado espontaneamente realizou aos axentes”.

Os xuíces tamén rexeitaron a solicitude de rebaixa da pena en máis dun grao esixida pola defensa. “Que non se producise o falecemento de dous dos mozos foi determinado por causas alleas á vontade do acusado. O perigo existiu, era evidente. O risco para a vida dos sobreviventes foi patente e tal circunstancia determina a corrección da rebaixa da pena pola tentativa dos delitos de homicidio nun só grao”, explica o alto tribunal galego.

Os maxistrados, ademais, rexeitaron ter en conta a atenuante de confesión. “O vehículo foi interceptado cando a policía xa coñecía a realidade do atropelo. A confesión, por conseguinte, non xorde de maneira espontánea, senón que deriva, como acertadamente sinala a resolución impugnada, da mera evidencia”, indican os xuíces, que tamén rexeitaron a aplicación da atenuante de embriaguez.

“Tampouco é sustentable que a valoración efectuada polo xurado das probas practicadas tivese connotacións arbitrarias, ilóxicas, absurdas ou irracionais. Os xurados apoiáronse nunha serie de dilixencias de proba que foron razoablemente interpretadas con conclusión acorde ás regras da lóxica e con plena coherencia”, sinalan na sentenza na que rexeitan os recursos.

Comentarios
Lo más