Villares propón unha modificación do Código Penal para despenalizar a eutanasia

Villares propón unha modificación do Código Penal para despenalizar a eutanasia
Villares propón unha modificación do Código Penal para despenalizar a eutanasia

Luís Villares: "Precisamos cambiar a lexislación para pasar a considerar a morte digna como un dereito cidadán de carácter fundamental"

O voceiro do Grupo Mixto, Luís Villares, presentou onte unha iniciativa para a despenalización da eutanasia que entrará a debate no Parlamento de Galicia no comezo a partir de setembro. "Precisamos regular o dereito a morrer dignamente. Precisamos cambiar a lexislación para pasar a considerar a morte digna como un dereito cidadán de carácter fundamental. A morte digna é o final dunha vida digna. Ninguén debe estar condenado a vivir en condicións de vida insoportables", sinalou.

Para o Grupo Mixto esté é o primeiro paso para unha regulación integral da morte digna. "Temos o desexo de contribuír dende Galicia a ese debate e clamor social de despenalización e regulación da eutanasia, mediante a introdución na axenda política galega deste tema", dixo Villares.

O voceiro apuntou a súa preocupación sobre o retardo na formación de Goberno, pois esta circunstancia dilataría de forma insoportable moitos dereitos e moitas situacións que é necesario atender de maneira urxente para evitar más sufrimento.

Villares referiuse ao caso de Ángel Hernández, que axudou a morrer dignamente á súa muller, María José Carrasco, e tivemos que velo saír esposado mentres o seu caso era tratado como violencia de xénero. "Naquel momento Pedro Sánchez, como presidente do Goberno, dixo que habería que indultalo. Pois nós pensamos que non, que hai que cambiar unha lei inxusta", asegurou.

"O 87% da sociedade española está a favor da despenalización da eutanasia segundo unha enquisa de Metroscopia", explicou Villares, que detallou que a proposta do Grupo Mixto consiste na reforma do artigo 143.4 do Código Penal para "superar unha lei inxusta". Unha iniciativa que o Parlamento de Galicia pode impulsar no Congreso, pois estamos ante unha norma de carácter estatal.

"Queremos ademais que este debate rebase os muros institucionais, por iso onte mesmo contactamos coa asociación Dereito a morrer dignamente, que celebra estes días en Compsotela o seu congreso estatal, para implicalos activamente na proposta que queremos presentar na Cámara galega", explicou o voceiro do Grupo Mixto no Parlamento.

Do mesmo xeito, Villares referiuse ao millón de sinaturas a favor da morte digna entregadas recentemente no Congreso dos Deputados, e anunciou a celebración dunha xornada no Parlamento na que poder recibir achegas de colectivos médicos, académicos, e do mundo do dereito, que terá lugar no inicio do novo curso parlamentario no Hórreo.

"Queremos que Galicia se coloque en paralelo ás comunidades autónomas que como Cataluña lanzaron o debate social e institucional para unha regulación que se abre paso xa en numerosos estados europeos ou nos Estados unidos", aseverou Villares. 

Comentarios