Carmen Pomar visitou as obras de ampliación do CPI Plurilingüe de Vedra

Carmen Pomar visitou as obras de ampliación do CPI Plurilingüe de Vedra
Carmen Pomar visitou as obras de ampliación do CPI Plurilingüe de Vedra

A conselleira Carmen Pomar visitou o centro, no que se vai construír un novo edificio que acollerá 8 aulas de secundaria, e se reordenará e mellorará o edificio existente, dedicado a infantil e primaria

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de iniciar no CPI Plurilingüe de Vedra as obras de reordenación e mellora do edificio existente e iniciará nos próximos días a ampliación que inclúe a construción dun novo edificio. No seu conxunto estas actuacións supoñen un investimento duns 841.000 euros por parte da Xunta de Galicia.

A conselleira Carmen Pomar achegouse o mércores ao centro para comprobar o inicio das obras que, segundo explicou, aínda que teñen un prazo estimado de duración de seis meses, foron planificadas para que interfiran o mínimo posible no inicio do curso escolar. De feito, as obras de reordenación e mellora do edificio existente finalizarán antes do inicio do curso e está previsto que as actuacións estean rematadas na súa totalidade no segundo trimestre do curso escolar.

A actuación consiste na ampliación do centro a través dun novo edificio de dúas plantas, nas que se situarán un total de 8 aulas de educación secundaria, a razón de 4 por planta. A construción deste novo edificio permitirá redistribuír as aulas de infantil e primaria no edificio xa existente, no que se realizarán tamén melloras.

Deste xeito, no edificio actual situarase o taller de tecnoloxía que agora é a aula de Educación Infantil, e colocarase a Sala de Usos Múltiples no que neste momento é o devandito taller. Así mesmo, dividiranse tres aulas de infantil para poder contar con seis espazos para desdobres, incorporaranse aseos a dúas aulas de infantil e substituirase o actual grupo electróxeno por un novo.

Cómpre salientar que a maiores desta obra de ampliación, a Consellería leva investidos uns 150.000 euros en anteriores melloras neste centro, como a ampliación do comedor, a instalación dunha porta adicional de evacuación ou melloras na cociña, entre outras.

Na visita, a conselleira estivo acompañada do delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro. 

Comentarios
Lo más