Ames é o concello co mellor ratio de contribuíntes por pensionista

Ames é o concello co mellor ratio de contribuíntes por pensionista
Ames é o concello co mellor ratio de contribuíntes por pensionista

Só cinco dos 131 concellos galegos superan os 2,21 traballadores por pensionista, mentres que once son os municipios da comunidade que alcanzan a barreira de dous contribuíntes por persoa xubilada

Ames continúa a ser un dos concellos que máis medra da comunidade galega, un dato estimulado pola alta porcentaxe de poboación nova que habita o municipio. Así, dende o ano 2000, o concello de Ames duplicou a súa poboación, pasando de 16.549 habitantes aos 32.190 cos que conta na actualidade. Ademais, Ames tamén conta co maior número de contribuíntes por pensionista dos municipios galegos en 2018, cun ratio de 3,41 traballadores por cada xubilado, cifra que supera a media nacional de 2,21.

Segundo os datos extraídos das cifras da Seguridade Social en 2018, o pasado ano o número de contribuíntes incrementouse en preto de 565.000 traballadores, o que permitiu que a Seguridade Social ingresase uns 114.915 millóns de euros. Sen embargo, no mesmo exercicio, o pago de pensións contributivas arroxou un gasto de 121.297 millóns de euros, o que se traduce nun déficit de 6.382 millóns, sen entrar no gasto de pensións non contributivas.

No tocante a Galicia, esta sitúase como a segunda comunidade autónoma con menor ratio en dependencia das pensións, con 1,51 traballadores por cada pensionista, só por riba de Asturias, con 1,35. Cifras en consonancia con outras comunidades españolas, poucas das cales superan os 2,21 contribuíntes por cada pensionista, nos que se sitúa a media nacional. Así, Galicia alcanzou no 2018 un déficit próximo aos 2.000 millóns de euros, cunha achega por parte dos traballadores de 5.581 millóns de euros fronte aos desembolso de 7.560 millóns que se necesitaron para cubrir as pagas a pensionistas.

A nivel municipal, só cinco dos 131 concellos galegos superan os 2,21 traballadores/as por pensionista, mentres que once son os municipios da comunidade que alcanzan a barreira de dous contribuíntes por persoa xubilada. Á cabeza da lista atópase Ames, o concello máis novo de Galicia, cun ratio de 3,41 traballadoras/es por pensionista. Oroso convertese no segundo cunha cifra de 2,65; ao que segue Culleredo con 2,43; Arteixo con 2,43; e Cambre con 2,41. Os demais concellos galegos que superan os dous contribuíntes por pensionista son O Porriño, Barbadas, Salceda de Caselas, Teo, Oleiros e Gondomar.

O CONCELLO MÁIS NOVO DE GALICIA

Ames conta cun total de 32.190 veciños e veciñas, 15.450 deles homes e 16.740 mulleres. Esta cifra supón un crecemento de 332 habitantes con respecto aos datos expostos polo INE con respecto a finais de 2018.

Coas cifras actuais Ames pasa a ser o Concello número 13 en número de habitantes de Galicia, superando ao Concello de Carballo e moi cerca do de Arteixo, que tamén supera os 32.000 habitantes. A progresión do Concello de Ames está a ser superior ao do resto de Concellos e así nos últimos 3 anos está a escalar postos no ranking xeral de habitantes dos concellos galegos, superando a Redondela, Culleredo e agora Carballo, nas últimas anualidades.

Dende o goberno municipal apuntase á aposta polo sector industrial centralizado no Parque empresarial de Milladoiro, xunto cos servizos de conciliación que presta o Concello, referentes a nivel nacional, como algunhas das razóns que posibilitan o crecemento constante de Ames no tocante a número de habitantes. 

Comentarios
Lo más